A Santiña estrea réxime de preferencia peonil con velocidade máxima 10 km/h e acceso limitado a residentes e servizos

A Santiña estrea réxime de preferencia peonil con velocidade máxima 10 km/h e acceso limitado a residentes e servizos

Pontevedra, 28 de outubro de 2025. A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, deu conta esta mañá do novo réxime de mobilidade que se aplicará na rúa da Santiña, no barrio do Burgo, unha vez rematada a súa reforma integral. Debido ás novas características da rúa, que agora conta con plataforma única, pasará a ser de preferencia peonil, aplicándose a ordenanza de mobilidade amábel e ocupación dos espazos públicos no tocante ás plataformas de convivencia. 

O sinal distintivo deste novo réxime aparecerá en todas as entradas da rúa. A circulación con vehículos verase restrinxida coas seguintes condicións: 

  • Velocidade máxima: a velocidade xenérica máxima autorizada será de 10 km/h. No caso de que os vehículos coincidan con persoas, a velocidade deberá ser reducida á mesma que teñen as persoas, cun máximo de 6 km/h. 
  • Limitación de vehículos: a circulación está limitada a vehículos de menos de 10 metros de lonxitude ou 3,5 toneladas de peso, agás excepción autorizada. 
  • Carga e descarga: é posible nos horarios autorizados: de 8:00 a 12:00 (mañá) e de 16:00 a 18:00 (tarde), mantendo a limitación de lonxitude e peso. 
  • Bicicletas: están autorizadas a circular, aplicando os mesmos límites de velocidade (10 km/h xenérica ou 6 km/h en convivencia coas persoas). 
  • Acceso autorizado (servizos): está permitida a entrada a vehículos autorizados que transporten a persoas con mobilidade reducida, que vaian deixar ou recoller bultos voluminosos ou de peso, e servizos como reparto de comida a domicilio ou mensaxería. Estes servizos terán unha limitación temporal de 10 minutos. 
  • Excepcións e residentes: os residentes poden acceder aos seus garaxes. No caso de que un servizo requira máis tempo que os 10 minutos establecidos, ou para outros supostos excepcionais, será necesaria unha autorización da Policía Local.
  • Rúas perpendiculares: as rúas perpendiculares e adxacentes manterán o mesmo sentido de circulación que teñen neste momento. 

A reforma está rematada eestanse a colocar os últimos sinais nas entradas perpendiculares á Santiña, en concreto na rúa Luís Otero. Non obstante, para asegurar que a información chegue a toda a veciñanza, a entrada en vigor destas novas normas aprazarase ata o luns 3 de novembro. 

Ademais dos medios de comunicación, o Concello procederá á pegada de cartelería informativa en todos os portais de edificios, vivendas, garaxes e establecementos comerciais da rúa da Santiña avenida da Coruña e adxacentes. 

A reforma da Santiña 

A reforma integral da rúa da Santiña, situada no barrio do Burgo e que forma parte do Camiño Portugués cara a Santiago de Compostela, foi un proxecto priorizado para mellorar a calidade de vida da veciñanza. 

A rehabilitación integral afectou uns 800 metros desta vía. O obxectivo foi unha mellora substancial en accesibilidade universal, seguridade, mobilidade e servizos. Na súa reforma descubríronse os restos dun lavadoiro de finais do século XIX (datado entre 1890 e 1902) a carón da Fonte da Santiña, no treito máis rural da rúa e tamén se localizou o pavimento orixinal do viario, que se atopa aproximadamente a 1,20 metros por debaixo da cota actual. Este pavimento, con restos de enlousado, é anterior ao século XVIII. Debido á súa situación irregular e á imposibilidade práctica de baixar a cota da calzada sen prexudicar as entradas das fincas, a decisión foi documentar o achado e seguir co curso normal da obra. 

Coa reforma da Santiña, Pontevedra será a única cidade do Camiño Portugués onde todo o trazado urbano conte con prioridade peonil. 

O proxecto foi adxudicado á empresa Civis Global por 1.811.898,17 euros. 

A Santiña estrea réxime de preferencia peonil con velocidade máxima 10 km/h e acceso limitado a residentes e servizos