A Comisión de Infraestruturas coñece os datos da discriminación de Pontevedra en relación ás transferencias da Deputación
Pontevedra. 28 de outubro de 2025. O concelleiro e presidente da Comisión de Mobilidade e Infraestruturas, César Mosquera trasladou entregou esta mañá aos membros da Comisión o informe coa distribución de fondos dos capítulos 4 e 7 da liquidación de Deputación en 2024 no que se constata a discriminación do Concello de Pontevedra en relación á xestión económica da institución provincial. Na documentación constátase que existen dez concellos (de menor tamaño que Pontevedra) que reciben máis fondos da Deputación Provincial que o propio Concello de Pontevedra, pero o concelleiro tamén indicou que outras partidas inciden nesta situación:
- Unha etapa da Volta Ciclista 2024 entre Ponteareas e Baiona, cuxo custo (140.000 €) foi asumido pola Deputación sen restalo dos fondos deses concellos.
- O financiamento da Gala Mestre Mateo no Concello de Lalín (150.000 €), que tampouco se resta dos fondos que se lle mandan ao concello.
O concelleiro explicou que "estes casos mostran que a Deputación separa o que inviste por decisión propia do que manda aos concellos, algo que non se aplica no Concello de Pontevedra".
Ademais, lembrou que a Deputación emprega a argumentación de que os concellos de menos de 50.000 habitantes non teñen acceso a outro tipo de fondos. Non obstante, rexistráronse casos como os de Poio, Baiona, Gondomar, Tomiño e O Rosal que si conseguiron acceder a fondos como os EDIL. Nalgúns casos, incluso, a xestión deses fondos foi levada a cabo pola propia Deputación (casos de Baiona e Gondomar).
César Mosquera tamén lembrou que en canto ao investimento histórico, nos oito anos nos que estivo o bipartito (anterior ao goberno actual), o investimento foi de aproximadamente 28,7 millóns de euros para Pontevedra, o que supón uns 3,7 millóns de euros anuais.