O concello de Caldas lanza os traballos para facer accesíbel o futuro centro de recepción de visitantes da Carballeira e o Xardín botánico

Manuel Fariña
Manuel Fariña
O concello de Caldas lanza os traballos para facer accesíbel o futuro centro de recepción de visitantes da Carballeira e o Xardín botánico

Caldas, 28 de outubro de 2025. O Concello de Caldas de Reis vai contratar de maneira inminente a mellora da accesibilidade do que será o futuro centro de recepción de visitantes da Carballeira e o Xardín Botánico, o actual edificio do auditorio. A principal actuación consistirá, segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, na instalación dun ascensor que permita garantir unha total mobilidade entre os tres andares da construción. O proxecto, que sairá a licitación a próxima semana na plataforma municipal cun orzamento de preto de 68.000 euros, foi definido pola empresa encargada da musealización (a UTE Atlantic-Trivium Caldas) como unha das primeiras necesidades para o novo ‘Museo Aberto 24/7’.

O impulsor da rehabilitación, Manuel Fariña, explica que o Centro de Visitantes 24/7 vai complementar a visita ao conxunto exterior da Carballeira e o Xardín Botánico e achegará maior valor engadido á experiencia en varias dimensións: a comunicación dos valores inmateriais (históricos, naturais, sociais, etc.); a innovación nos formatos de presentación; e a prestación de servizos adicionais (desde atención personalizada ou xestión de grupos ata aseos).

O novo equipamento prevese instalar no actual edificio municipal da Avenida Román López, xusto na entrada do conxunto patrimonial, que na actualidade alberga unha sala de exposicións e o Auditorio. A sala, que estará integramente destinada ao proxecto de Centro de Visitantes, contará con 200 metros cadrados repartidos nos dous andares. Terá un investimento para a súa musealización que superará os 250.000 euros e deberá resolver as necesidades de mellora das actuais instalacións e o interiorismo. Ademais da actuación do ascensor destinada á accesibilidade física tamén se instalará un sistema de acceso automático domotizado coas últimas tecnoloxías.  

Dado que o edificio consta dunha planta baixa e unha primeira planta, que deberán reconfigurarse na súa totalidade como Centro de Visitantes, e unha planta soto no que se localizan os aseos do local, a instalación dun novo ascensor que permita o acceso a todos os andares será totalmente necesaria para facilitar a experiencia de visita de calquera persoa.

“Converter parte do edificio nun centro de visitantes accesible para persoas con mobilidade reducida é a principal medida de mellora que pode acometerse, e así está recollida no proxecto de subvención”, apunta Fariña, que destaca que o Concello está xestionando de maneira paralela diferentes actuacións na Carballeira para cumprir os prazos da reforma do espazo natural e os correspondentes equipamentos.

A selección dos contidos do Centro de Interpretación, no que tamén está a traballar a UTE, será outra peza chave para o ‘Museo 24/7’ da Carballeira. Explica Fariña que a intención é atender todas as dimensións –cultural, social e natural- do BIC. En particular abordaranse a súa historia como espazo cidadá e a súa importancia na tradición balnearia; os usos económicos e sociais dende as súas orixes (xardín, zona de recreo, campo da feira, zona de festas, escenario de festivais... ); a memoria viva, con recordos antigos e testemuñas de xeracións actuais e especial atención ás mulleres; os valores biolóxicos do conxunto; a sensibilización sobre os valores ambientais e tamén aspectos prácticos da visita. 

O concello de Caldas lanza os traballos para facer accesíbel o futuro centro de recepción de visitantes da Carballeira e o Xardín botánico