O CONCELLO AXUDARÁ Á BANDA NO SEU DESPRAZAMENTO

A Banda Municipal de Caldas aspira a ser campioa mundial do "World music Contest", os xogos olímpicos deda música de vento

banda de música de Caldas
banda de música de Caldas
A Banda Municipal de Caldas aspira a ser campioa mundial do "World music Contest", os xogos olímpicos deda música de vento

Caldas, 28 de outubro de 2025. A Banda Municipal de Caldas aspira a ser campioa  mundial do ‘World Music Contest’ de Kerkrade, os chamados ‘Xogos Olímpicos’ da música de vento. Co fin de colaborar coa agrupación, e dado que esta cita dará coñecer internacionalmente a vila termal nun contexto cultural internacional, o tenente de alcalde Manuel Fariña confirma que o Concello vai apoiar á Banda no Concurso e, dende a Concellería de Cultura, axudará a agrupación para o seu desprazamento ata os Países Baixos.

Fariña subliña o total orgullo do goberno local por que a Banda Municipal tivese sido escollida para participar no certame que reúne á excelencia e o máximo talento dentro mundo internacional da música de vento en Kerkrade, do 9 de xullo ao 2 de agosto de 2026, no escenario máis grande do mundo para bandas de concerto, bandas de fanfarrias, bandas de metais, conxuntos de percusión e bandas de marcha e espectáculo. “Durante este festival de catro semanas, o máis destacado da música de vento compite polo cobizado título de campión mundial na súa disciplina. E Caldas de Reis vai estar aí”, destaca o nacionalista. 

Cada sección do concurso terá os seus propios requisitos, habendo unha sección de Concerto, Primeira, Segunda, Terceira División e División Xuvenil. A Banda de Caldas tiña intención de presentarse na Segunda División, que entendía era a máis acaída ao seu nivel por instrumentación e outras características, sen embargo, dende a organización rexeitaron a solicitude e indicaron que a banda caldense debía ascender de categoría pola súa altísima calidade. Finalmente, e dado que varias das persoas integrantes da agrupación de Caldas non tiñan dispoñibilidade para actuar nos días nos que se celebra a competición da Primeira División, a formación decidiu presentarse dentro da sección denominada ‘Concerto’.

O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que a Banda parece partir con moi boas expectativas, “garantía da súa calidade”. O nacionalista lembra que a agrupación xa se fixo co primeiro premio na Sección Segunda do último Certame Internacional de Bandas ‘Cidade de Valencia’. 

O Concurso de Música do Mundo (WMC) de Kerkrade é o festival internacional de música de vento máis prestixioso desde 1951. Cada catro anos, como nos Xogos Olímpicos, o WMC reúne a máis de 20.000 músicos e máis de 300.000 visitantes de todos os continentes. O festival promove a excelencia musical e o intercambio cultural, ofrecendo un escenario único onde se celebra a música de vento en todas as súas formas.

A edición do seu 75 aniversario, en 2026, promete ser unha celebración tanto da tradición como da innovación. “Á vez que rende homenaxe a 75 anos de rica historia, o WMC tamén mira cara ao futuro, centrándose no desenvolvemento continuo do sector internacional da música de vento”, explica a organización.

A Banda Municipal de Caldas aspira a ser campioa mundial do "World music Contest", os xogos olímpicos deda música de vento