A biblioteca Luís Seoane de Soutomaior recibe o Premio "Bibliotecas que inspiran" polo programa "Biblioverán"
Soutomaior, 28 de outubro de 2025. A Biblioteca de Soutomaior convértese na mellor biblioteca da súa categoría ao recibir o premio "Bibliotecas que inspiran" da Xunta de Galiza polo programa BIBLIOVERÁN.
O alcalde, Manu Lourenzo, recibiu este galardón por parte do conselleiro de Cultura, José López Campos, no edificio CINC da Cidade da Cultura.
Manu Lourenzo destacou a importancia deste premio “en primeiro termo quero destacar o papel da nosa bibliotecaria Patricia R. Saavedra que espalla sempre amor pola literatura en todas as súas iniciativas e tamén quero destacar función de Raquel e de Diego que son as almas deste proxecto e os que achegan este servizo todos os veráns polas praias do concello de Soutomaior. Un recoñecemento que é un reflexo do valioso papel que ten a nosa Biblioteca no noso concello”.
A bibliotecaria municipal expuxo hoxe no auditorio do CINC da Cidade da Cultura es que consiste o programa Biblioverán, un servizo a través do cal a Biblioteca Pública Luís Seoane se traslada as diferentes zonas de baño do concello con actividades para todos os gustos.
Estes premios ás mellores bibliotecas da Xunta de Galiza empezaron a concederse no 2018, aínda que antes denominábanse premios á Innovación Bibliotecaria, e a biblioteca municipal Luís Seoane de Soutomaior é a única que recibiu este galardón dúas veces (a primeira no 2022 polo programa Bibliofogar e, agora, no 2025, por Biblioverán) na súa categoría (concellos de menos de 10 mil habitantes). A estes recoñecementos hai que sumar os catro premios María Moliner do Ministerio de Cultura conseguidos desde o ano 2021.