Nace o ciclo de cinema infantil ‘Primeiros ollares’ da man do Cineclube Pontevedra
Pontevedra, 28 de outubro de 2025. O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Olalla Márquez un novo programa destinado a público infantil e familiar que chega da man do Cineclube Pontevedra baixo no nome ‘Primeiros ollares. Matinés de cinema infantil no Teatro Principal’.
O ciclo botará a andar este domingo 2 de novembro co filme franco-danés “Calamity, unha infancia de Martha Jane Cannary” (2020), de Rémi Chayé. Unha xoia da animación que ficciona a infancia da mítica pistoleira e exploradora estadounidense Martha Jane Cannary (1852-1903), e que foi galardoada co premio á mellor longametraxe no Festival de Annecy no ano 2020. O filme, que posúe todos os elementos dun bo wéstern, destaca pola súa estética impresionista e a explosión de cores para retratar as paisaxes norteamericanas, así como polo carácter da súa nova protagonista, que rexeita sen concesións o rol de xénero que lle presupón a lóxica masculina do Oeste americano do seu tempo. Está recomendado a partir de 7 anos. A duración é de 82’.
O día 30 de novembro proxectarase “Linda quere polo” (2023), produción franco-italiana dirixida por Chiara Malta e Sébastien Laudenbach, presentada en Cannes e galardoada co premio á mellor longametraxe en Annecy e co Cesar ao Mellor Filme de Animación en 2023. O orixinal uso da cor e o seu universo visual, inspirado na obra de pintores como Henri Matisse ou Pierre Bonard, é un dos grandes valores do filme. É tamén salientable a visión que ofrece dos barrios como lugares de comunidade, xogo e liberdade, así como a alegría e o humor que desprende sen renunciar a tratar temas serios como o dó, a autoridade ou o dereito a expresarse. Está recomendado a partir dos 7 anos. A duración é de 75’.
Rematará o 7 de decembro coa proxección de “Tony, Shelly e a lanterna máxica” (2023), do realizador checo Filip Pošivač. Un conto de Nadal que celebra as identidades únicas das crianzas, o valor da diferenza, o poder da amizade e a superación dos medos. O filme foi creado mediante a laboriosa técnica do stop motion, que conta cunha gran tradición na República Checa, fotografando cada mínimo movemento dos títeres e escenarios que foron construídos artesanalmente para dar a sensación de movemento. O resultado, que reborda fantasía e sorprende pola vistosidade das súas imaxes, foi premiado co premio Contrechamp no Festival de Annecy e mais co premio á mellor longametraxe de animación na sección Anima’t no Festival de Sitges en 2023. Está recomendado a partir dos 6 anos. Dura 80’.