O saneamento chega a Cabaleiro
Coa participación da concelleira delegada de Campañó, Pilar Comesaña, e do concelleiro coordenador do rual, Demetrio Gómez, tivo lugar o pasado luns, día 17 de decembro, unha asemblea veciñal aberta dos veciños e veciñas de Cabaleiro na que se abordou o proxecto de saneamento deste lugar da parroquia de Campañó.
Desde que se comezou coa instalación do saneamento en Pontevedra o BNG defendeu que debían existir uns criterios claros de traballo que permitisen unha actuación coherente e que puidese ser valorada polos veciños e veciñas. Estes criterios son fundamentalmente dous: ir completando a rede desde a cidade cara as estremas do concello e ir pechando a rede segundo o permitan as disponibilidades técnicas e económicas.
Por isto, cando diversas actuacións relacionadas co convenio asinado coa Xunta de Galiza, permitiron o reaproveitamento de case 1.300.000 euros para destinalo a novos proxectos de saneamento, non houbo especiais problemas para decidir onde investilos.
Así no caso de Cabaleiro, onde se vai dotar do servizo de saneamento a este lugar central da parroquia de Campañó grazas a un proxecto que ascende a 241.000. O proxecto exposto á veciñanza vai dar servizo a 24 vivendas nun trazado de algo máis dun quilómetro. Asemade, a obra, integramente desenvolvida no espazo público, inclúe a reposición de todo o firme nas pistas nas que se vai actuar.