Pontevedra acolleu unha manifestación contra as políticas represivas do goberno

Pontevedra acolleu unha manifestación contra as políticas represivas do goberno

Milleiros de persoas participaron na manifestación convocada pola CIG en Pontevedra para denunciar a represión sindical, a reforma do código penal e a nova lei de taxas xudiciais, medidas todas elas tendentes a acrecentar as políticas represivas do Estado.

Ao remate da manifestación, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, fixo un chamamento a aglutinar forzas para crear un movemento social o suficientemente amplo que obrigue á dereita e ao PP a mudar as súas políticas “antisociais e represivas”.Seixo incidiu en que a sentenza do Xulgado do Penal contra os tres sindicalistas (que logo foi botada abaixo pola Audiencia Provincial de Pontevedra) non é un caso illado, xa que “temos moitos/as compañeiros/as con multas e condenas a cadea, aínda que ningunha tan dura coma esta”.

Neste senso, asegurou que o incremento da represión contra o movemento sindical responde a un intento de rematar coa contestación social aos recortes “e a implantación dun modelo de capitalismo caracterizado pola desregulación de todos os mercados, incluído o laboral, que se traduce na destrución de dereitos conquistados con anos de loita”.

Finalmente, denunciou que a reforma do Código Penal que prepara o PP vai precisamente encamiñada a afondar nesta criminalización das organizacións sociais e sindicais que se opoñen aos recortes e alertou que a lei de taxas xudiciais supón na práctica “unha xustiza elitista”.

 

Pontevedra acolleu unha manifestación contra as políticas represivas do goberno