Lores reivindica a Paz Andrade e carga contra as políticas neoliberais que afunden o país
Na inauguración do Congreso sobre Valentín Paz Andrade que se celebrará en Pontevedra até o sábado día 15, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reivindicou a súa figura, ao tempo que lanzou duras palabras para quen coas súas políticas neoliberais renuncian á defensa do país e saquean a nosa economía.
Dixo Lores:
"Queridos amigos, queridas amigas,
Quero darlle a máis honrosa benchegada a esta cidade donde viñeron convocados pola esgrevia figura dun pontevedrés de alta significación para nós, especialmente nos tempos que andamos.
Don Valentín Paz Andrade, fillo e neto de concelleiros de Pontevedra, é moito máis ca un símbolo de intelixencia e porvir para toda a nación galega, tan necesitada de persoas emprendedoras coma él, centradas no país e na posta en valor do seu potencial económico.
Polifacético, culto e políticamente activo, foi quen de dar respostas ás súas ideas de progreso en mundos tan dispares como o xornalismo, a advogacía, a política, a empresa, o ensaio económico e a literatura, vocacións de activismo que nacen cando xa aos 22 anos preside o Lérez Clube de Fútbol ou participa como secretario do Pontevedra Atlétic Club na fundación do campo de Pasarón, en terreos alugados á familia Paz.
Unha cidade que vivía nos anos dez e vinte unha colección de ilustradas experiencias que deron en converterse en significativos pasos para a cultura, a ciencia e a economía, como foron a Misión Biolóxica, a Polifónica, o Museo de Pontevedra ou a Caixa de Aforros, iniciativas urbanas que chegaron a nós convertidos en importantes referentes.
Veñen vostedes hoxe a falar da gran proxección de don Valentín sobre a cultura e a economía galegas, porque aquí os convocou tan amábelmente a Real Academia debido ao vencello de Paz Andrade con Pontevedra.
Pero chegan tamén ao grande porto pesqueiro da Galiza do século XVI, cando os mareantes encargaban ao mestre Cornelius de Holanda a construción da gran Basílica de Santa María, o templo máis significativo do renacemento galego.
Un porto natural deitado no último treito do Lérez, onde confluían as exportacións do viño que os arrieiros portaban desde O Ribeiro, coa industria da salgadura, precendente do actual procesamento do peixe para convertilo en alimento de doado consumo.
Esta, a historia do peixe como alimento básico dos galegos, tamén une a Paz Andrade con Pontevedra, se ben a súa obra como empresario foi desenvolvida algúns quilómetros ao sur, en Vigo, nos anos 60 do século pasado.
Outro punto de confluencia de Paz con Pontevedra constitúe un dos sinais de identidade que definen a nosa cultura urbana de antes da guerra.
Se vostedes dan un paseo polas coidadas prazas desta capital, atoparán na de San Xosé, diante dun café chamado Moderno, primorosamente restaurado por Siza Vieira, unha escultura na que dialogan varios dos persoeiros máis significativos da Galiza do século XX.
Charlan, en animada e inmortal tertulia, Alexandre Bóveda, Alfonso Rodríguez Castelao, Manuel Quiroga e Valentín Paz Andrade. Todos eles símbolos da ilustración e o bulir intelectual que fixo soñar ao noso pobo antes da brutal aniquilación á que foi sometido a partires do ano 36.
A Pontevedra das tertulias, o foro intelectual dos primeiros anos do século, vai quedar para sempre na memoria e no espírito dun home que soubo dar a Galiza parte do que este país necesita: paixón, valentía, eficacia, lucidez, xenio, contemporaneidade e activismo.
Vivimos tempos dominados por xente que renuncia a rexenerar o país, que dá a espalda ao agro, ao mar, ao monte, á riqueza mineira, que acabou cos organismos financieiros que Galiza tiña de seu, que cada día funde máis á economía coas súas receitas liberais, entregando os sistemas públicos á especulación e a pillaxe...
Hoxe, á par que homenaxeamos a gran luz que deu don Valentín a Galiza, vivimos tempos dominados por pasivos burócratas que se comportan co país como guardiáns das chaves dos seus amos.
Xente que renuncia a rexenerar o país, que dá a espalda ao agro, ao mar, ao monte, á riqueza mineira, que acabou cos organismos financieiros que Galiza tiña de seu, que cada día funde máis á economía coas súas receitas liberais, entregando os sistemas públicos á especulación e a pillaxe...
Neste momento negro e miserento da economía galega, resulta esperanzador lembrar unha figura irredenta que fixo todo o contrario: confiar no país e aportar a enerxía necesaria para a súa rexeneración.
Amigos da Real Academia Galega, moitas, infinitas grazas por traer a Pontevedra este fermosa lembranza de don Valentín Paz Andrade, Premio Cidade de Pontevedra en 1997, exemplo de intelectual, de activista, de empresario, que xaz no noso sochán e homenaxearemos con orgullo sempre que teñamos ocasión.
Ogallá don Valentín, todo un pai para os galegos de hoxe, toda unha esperanza de vida e porvir para este país, fose a semente que precisamos para alumear tanto camiño cego como levamos andando sen él.
Moitas grazas."