O PP de Soutomaior négalle a paga extra @s traballadores do Concello
O BNG de Soutomaior pediu no último Pleno, o pagamento da paga extra de Nadal aos empregados do Concello. Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, lembrou no Pleno que as políticas de recortes do PP están a xerar máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica; incidindo con máis forza nas pequenas empresas e nas familias.
Fernando Herrero pediulle ao alcalde Agustín Reguera valentía para opoñerse a estas medidas erráticas, como se está a facer nos concellos gobernados polo BNG. Lembroulle ao alcalde que en Estremadura, comunidade gobernada polo Partido Popular, os empregados públicos van cobrar a paga extra de Nadal. Esta é un importantísimo estímulo económico para Soutomaior, e o seguidismo que se está a facer das políticas do recentralizadoras do PP en Madrid é un grave erro, que afectará moi negativamente ao tecido económico e ao consumo no noso concello ao reducir o poder de compra destes traballadores.
Pistas de tenis e padel
O BNG de Soutomaior preguntoulle tamén ao alcalde polas obras da pista de tenis e pádel que, segundo publicou o DOG, deberían estar rematadas nestes días. O PP limitouse a responder que non se ían facer de momento, e que descoñecía cando se levarían a cabo, xa que había problemas coa adxudicataria. Fernando Herrero cualificou de despropósito que o goberno local pida un investimento de case 140.000 euros para o noso concello, e logo se desentenda del. Pediulle ao alcalde que se interesase polos trámites, e máis de coñecer e informar as empresas locais, no caso de que houbese posibilidades de que se puidesen facer cargo delas.