A sala de exposicións do auditorio de Caldas reconverterase nun Centro de Interpretación da Carballeira e o Xardín Botánico
Caldas, 27 de decembro de 2024. A sala de exposicións do auditorio de Caldas de Reis vaise reconverter nun Centro de Interpretación da Carballeira e do Xardín Botánico. Así o anunciou o Alcalde en Funcións e responsable da execución do proxecto de mellora integral do espazo natural, o nacionalista Manuel Fariña, quen subliñou que o novo museo estará totalmente domotizado coas últimas tecnoloxías.
Fariña explica que o proxecto de rehabilitación integral da Carballeira pretende centrar a experiencia turística na visita ao conxunto exterior, sen embargo, aposta pola creación dun centro de visitantes ou espazo musealizado a maiores para completar o percorrido e achegar maior valor engadido. Quérese promover unha boa comunicación dos valores intanxibles do BIC (históricos, naturais, e sociais, entre outros), innovar nos formatos de presentación, e prestar servicios adicionais, dende atención personalizada ou xestión de grupos ata facilitar aseos.
O lugar escollido para facer o Centro de Interpretación é o actual auditorio municipal, apunta Fariña, debido á súa excepcional situación no acceso ao BIC e dentro da súa contorna de protección. Concretamente utilizarase a sala de exposicións, que estará integramente destinada ao proxecto e contará con 200 metros cadrados repartidos en dous andares, cun investimento para a súa musealización que superará os 250.000 euros e que deberá resolver as necesidades de mellora das actuais instalacións e o interiorismo. A principal actuación estará destinada á accesibilidade física e centrarase na dotación dun ascensor entre as dúas plantas que compoñen o espazo.
A selección dos contidos do Centro de Interpretación será outra peza chave. Explica Fariña que a intención é atender todas as dimensións –cultural, social e natural- do BIC. En particular abordaranse a historia do BIC como espazo cidadá e a súa importancia na tradición balnearia; os usos económicos e sociais dende as súas orixes (xardín, zona de recreo, campo da feira, zona de festas, escenario de festivais... ); a memoria viva, con recordos antigos e testemuñas de xeracións actuais e especial atención ás mulleres; os valores biolóxicos do conxunto; a sensibilización sobre os valores ambientais e tamén aspectos prácticos da visita.
A subvención dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria está destinada a oito epígrafes para mellorar a Carballeira e o Xardín Botánico de maneira integral. Os cartos deberán destinarse á restauración integral do BIC, ao deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, á monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, á apertura do centro de visitantes, ao deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, á instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, á implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social.
Apunta Manuel Fariña que o Concello recibiu a confirmación formal da axuda dos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia a principios de decembro e que o persoal técnico municipal da área que dirixe xa está a preparar a documentación para sacar a licitación o contrato de deseño do Centro de Interpretación e a súa musealización. A intención é adxudicar os traballos antes do verán e que poidan ser unha realidade antes de que remate 2025.
Segundo subliña Fariña, a execución do centro de visitantes coa reconversión da sala de exposicións é compatible coa execución do proxecto de restauración da propia Carballeira no exterior, polo que a intención é que a mellora de ambos espazos se faga de maneira paralela.