O BNG pide á Deputación que consolide o Plan + Provincia nun documento estrutural e permanente con condicións de reparto “claras e definidas”
Pontevedra, 30 de decembro de 2024. O BNG pediu no derradeiro pleno do ano á Deputación que consolide o Plan + Provincia -iniciativa herdeira do Plan Concellos impulsada polo anterior goberno do BNG-PSOE para distribuír fondos entre os municipios da provincia- nun documento estrutural e permanente con condicións de reparto “claras e definidas”. O voceiro nacionalista César Mosquera subliñou que crear un plan estable de obras e servizos (POS), sexa cal sexa a súa denominación, permitiría aos concellos ter unha maior cobertura, previsión e seguridade para realizar investimentos.
Mosquera destacou que ata 2015 o Plan de Obras e Servizos da Deputación dividíase en diferentes liñas de actuación e os concellos non podían saber con previsión cantos cartos lles traspasaría o goberno provincial. Subliñou que coa chegada ao goberno do BNG e o PSOE púxose en marcha o Plan Concellos e fixáronse condicións definidas e equilibradas. “Isto supuxo un antes e un despois no comportamento da Deputación”, subliñou.
Sostivo o nacionalista que o actual goberno do PP mantivo o plan con algunhas modificacións, o que cualificou de “acerto que agradeceron os concellos da provincia”. Indicou que o anuncio de que as bases para 2025 aceptarán gastos plurianuais ten bastantes consecuencias, entre outras, que será un plan que seguirá nos vindeiros anos con orzamento comprometido por parte do goberno provincial.
Mosquera subliña que crear un plan estable de obras e servizos permitiría aos concellos ter maior cobertura e seguridade para realizar investimentos
“Parécenos ben porque permitirá grandes investimentos”, apuntou Mosquera, ao tempo que lanzou unha proposta ao PP: xa que se trata dun plan no que están todos os grupos de acordo en termos xerais, deberíase fixar como un instrumento orgánico (xa sexa regulamento ou ordenanza) que o consolide de maneira estrutural e permanente no tempo cunhas condicións xenéricas claras e definidas. Segundo Mosquera, unha vez fixados os criterios básicos do reparto de fondos poderíase deixar aberta unha posibilidade para incorporar pequenos axustes segundo as circunstancias. “Sería unha boa iniciativa deixar isto ordenado porque daría outro tipo de cobertura aos concellos e non permitiría unha volta atrás”, subliñou o voceiro do BNG.
Voto en contra dos orzamentos para 2025
Por outra parte, o BNG votou en contra da aprobación definitiva dos orzamentos da Deputación para 2025 xa que o PP non permitiu facer achegas do resto dos grupos para a súa elaboración. Mosquera referiu tamén outros argumentos dados anteriormente para rexeitar as contas: non dan resposta ás necesidades dos concellos para cumprir os obxectivos de residuos, eliminan políticas de mobilidade destinadas a recuperar espazo público para as persoas, e destinan a maior parte do incremento de fondos a gasto corrente en lugar de a investimentos.
O PP e a lingua
No Pleno, o BNG tamén votou en contra do pacto pola lingua presentado polo PP, por considerar que a proposta non é unha iniciativa real para revitalizar o galego. Mosquera criticou que ata o de agora foi o Partido Popular foi quen rompeu o consenso sobre a lingua co decreto do plurilingüismo e cunha traxectoria que pon en evidencia que as e os populares propoñen pactos moi diferentes dos que logo levan á práctica. “As formas son contrarias ás súas declaracións”, sostivo o voceiro, quen lembrou que nestes momentos deputadas e deputados provinciais do PP realizan as súas intervencións en español e incluso “inventan toponimias que non existen”, nomeando tamén a concelleiros do PP de Pontevedra que falan, por exemplo, de ‘Puentesampayo’ cando é unha denominación que non existe.