A restauración da Carballeira e do xardín botánico de Caldas poderá estar rematada na próxima primavera
Caldas, 8 de setembro de 2025. O Tenente de Alcalde de Caldas Manuel Fariña confirmou que as obras de restauración da Carballeira e o Xardín Botánico poderán estar finalizadas a principios da primavera do ano que vén. O nacionalista así o indicou logo de participar na mesa de contratación na que se valoraron as condicións ofertadas pola empresa licitadora, ‘Xestión Ambiental de Contratas SL’.
Segundo explica Fariña, a firma propón unha redución do prazo de execución dos traballos ata os 5 meses, o que supón que de iniciarse no prazo dun mes os traballos (á espera de pechar os trámites burocráticos) a rehabilitación podería estar lista no mes de marzo. Ademais, a licitadora amplía ao máximo o prazo de garantía, ofertando o máximo posible: 36 meses adicionais sobre o obrigado nos pregos. Así mesmo, reduce en case un 10% o prezo de licitación, baixando ata os 735.651 euros.
A adxudicación formal das obras de rehabilitación, anuncia Fariña, pecharase nos vindeiros días, o que permitirá cumprir co cronograma previsto. O nacionalista, responsable da tramitación dos contratos, subliña que a intención é que os traballos, que consisten principalmente na rehabilitación das especies vexetais, formacións e composicións botánicas, a mellora e adaptación de instalacións e equipamentos, así como a recuperación do patrimonio natural e cultural, comecen canto antes e se realicen en paralelo á redacción da planificación da experiencia turística. O obxectivo é traballar para completar de maneira global a conversión da Carballeira e o Xardín Botánico nun ‘Museo aberto 24/7’.
O proxecto de mellora da Carballeira e o Xardín Botánico, explica Fariña, redactouse en base ao Plan director existente dende 2019. Entre as obras a realizar -definidas polo arquitecto de paisaxe Pedro Calaza- está a incorporación de novas especies e de máis exemplares doutras xa existentes. Eliminaranse tamén especies invasoras, recuperaranse as aliñacións coa estrutura orixinal do espazo, farase un tratamento para mellora a calidade cromática e escénica, crearanse composicións de bosquetes densos e laxos para recuperar o aspecto primixenio, así como estudos biomecánicos e fitosanitarios en exemplares particulares. Por outra banda, mellorarase o solo para garantir un bo desenvolvemento das árbores e especies existentes.
No caso das instalacións e equipamentos, haberá actuacións de mellora de pavimentos, e mobiliario, así como tamén das instalacións (bocas de rego, puntos de luz...), entre outras, instalando paneis explicativos con información relevante e de posta en valor do patrimonio natural e cultural.
O Tenente de Alcalde Manuel Fariña destaca que o goberno de Caldas está a traballar de maneira “exemplar” na tramitación e xestión das subvencións recibidas, poñendo en marcha todas as licitacións en tempo e forma. Cabe lembrar que o proxecto ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7’ conta cunha subvención de 1,4 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria.
Esta axuda repartirase en oito epígrafes: a restauración integral do BIC (que agora está en licitación), o deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, a monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, a apertura dun centro de visitantes, o deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, a instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, a implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social.