Pontevedra inicia a substitución de todos os colectores do municipio

Visita de Lores e Moreda ás instalacións onde se están depositando os novos colectores
Visita de Lores e Moreda ás instalacións onde se están depositando os novos colectores
Pontevedra inicia a substitución de todos os colectores do municipio

Pontevedra, 8 de setembro de 2025. Pontevedra mudará todos os seus colectores ao longo dos próximos meses. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou as instalacións nas que a empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos, PreZero, está depositando os novos colectores para a súa montaxe e posterior reparto polo concello de Pontevedra. 

Na práctica, chegarán por este espazo preto de 4.000 colectores (sumando todos os tipos). Esta mesma noite iniciarase o reparto e intercambio dos coñecidos como colectores azuis, tarefa que se prolongará, aproximadamente, durante unhas cinco semanas, tanto na cidade como nas parroquias. 

O proceso de colocación conleva a retirada do antigo colector, a limpeza de toda a illa de colectores e a fixación dos novos colectores ao chan (mais este paso só se realizará cando todas as illas estean completas cos novos elementos). 

As primeiras zonas que poderán ver os novos colectores, deseñados e administrados por Formato Verde, empresa galega especializada neste sector, serán a rúa San Mauro, a Carrasqueira, Loureiro Crespo, a avenida de Lugo, a rúa Estrada, Virxinia Pereira, Maruxa Maio, Diego Sarmiento, Benito Corbal, Sagasta e Peregrina; continuando nas vindeiras semanas aos poucos polo resto de espazos. 

Unha vez se finalice coa substitución destes colectores —que suman 496 unidades—, reiniciarse o proceso para os amarelos (plástico, briks e latas), os grises (resto), os verde (vidro) e, finalmente, os marróns (compostaxe). 

A capacidade dos novos colectores oscila entre os 2.800 e os 2.900 litros, sendo lixeiramente superior á dos colectores actuais. Haberá dous modelos: un de fondo estándar para a cidade e outro máis estreito para as zonas rurais debido ás limitacións de espazo. Ademais, os colectores específicos para vidro e orgánico serán máis estreitos en xeral (e maioritariamente no rural) debido ao elevado peso do vidro cando está cheo (máis dunha tonelada) e á necesidade de baleirar frecuentemente os residuos orgánicos. 

Lores lembra que este proxecto é “un salto adiante importantísimo para a xestión de residuos”. Ademais, sinala que deseño destes novos colectores está adaptado ao “modelo Pontevedra”, sendo máis baixos para mellorar a accesibilidade e evitar interferencias en pasos de peóns. Ademais, o rexedor fixo un chamamento á colaboración cidadá, subliñando que “se os residuos se separan son recursos e se non se separan son bombas de reloxería”, destacando a importancia da reciclaxe para evitar a contaminación do planeta. 

Após a instalación dos novos colectores, o Concello iniciará unha “campaña moi seria de sensibilización”, así como campañas informativas e formativas, xunto cun control e seguimento tanto por parte de Prezero como dunha inspección municipal. 

Pontevedra inicia a substitución de todos os colectores do municipio