O PP vota en contra da proposta para denominar as actuais instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosi"
Valga, 24 de abril de 2026. O alcalde de Valga, a concelleira de Igualdade, e o resto de concelleiros e concelleiras do Partido Popular votaron en contra da proposta do BNG para denominar as instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosi", unha iniciativa que pretendía recoñecer un dos episodios máis relevantes da historia deportiva e social de Valga.
Durante o debate, o propio alcalde xustificou o seu voto en contra afirmando que non tiñan méritos suficientes "para que unhas instalacións deportivas leven o seu nome". Un argumento que reduce a unha cuestión cuantitativa o que foi, en realidade, un momento histórico no que tres rapazas que se enfrontaron a unha normativa discriminatoria e abriron camiño na loita pola igualdade no deporte.
Diana, Rebeca e Rosi non foron "unhas xogadoras máis" como afirmou o alcalde. Defenderon o seu dereito a competir en igualdade de condicións nun contexto no que se lles quería impedir por ser mulleres, conseguindo unha resolución que marcou un antes e un despois no fútbol galego. Aínda que ese paso non se entende sen o papel xogado polo Furia AC, un clube que, decidiu posicionarse do lado da igualdade cando non era o máis doado, asumindo responsabilidades e dando respaldo ás xogadoras nun momento clave.
O alcalde do PP non considera que Diana, Rebeca e Rosi teñan méritos suficientes para que unhas instalación deportivas municipais leven o seu nome, cando foron elas, apoiadas polo Furia AC, as que conseguiron cambiar unha normativa que recoñeceu o dereito a xogar no fútbol federativo sen limitacións por razón de sexo
O voto en contra do PP deixa clara a súa posición: decidiron non recoñecer, nin ás xogadoras, nin ao contexto colectivo que fixo posible aquel avance. Hai decisións que retratan máis do que explican. Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, "temos claro que este recoñecemento non depende dun voto puntual. Diana Rey Martínez, Rebeca Viñas Arning e Rosa Pardal Aragunde xa son historia, e tamén o é o Furia AC como parte dese capítulo. Máis pronto que tarde, este recoñecemento será inevitable. Porque hai nomes e feitos que, por moito que algúns intenten minimizar, acabarán ocupando o lugar que lles corresponde".
Rúa Celestino Carbia Campaña
O grupo municipal votou a favor da iniciativa familiar para dedicar unha rúa a Celestino Carbia Campaña, alcalde republicano de Valga, detido tras a sublevación militar franquista de 1936, e despois de pasar varios meses preso na Illa de San Simón, o 11 de maio de 1937 foi fusilado en Monteporreiro (Pontevedra). Trátase dun recoñecemento necesario á súa figura e aos valores que representa: a defensa da legalidade democrática, a dignidade e a xustiza, nun dos momentos máis escuros da historia recente de Valga.
Durante a súa intervención, Fran Devesa quixo recoñecer de maneira expresa o compromiso sostido no tempo de colectivos e persoas que nunca deixaron caer no esquecemento a memoria democrática de Valga, como son a Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Cordeiro, o Colectivo Memoria Histórica de Valga, a Asociación Cultural Os Penoucos ou o proxecto obaixoulla.gal, así como o traballo de tantas persoas que, desde o ámbito social e cultural, contribuíron a manter viva esta memoria sen apoio ou respaldo institucional.
Non obstante, o BNG de Valga manifestou o se desacordo coa elección do lugar da Callebaixa como a rúa que pasará a denominarse Celestino Carbia Campaña, xa que o actual topónimo ten unha fonda tradición en Valga e está moi arraigado na veciñanza. Fran Devesa propuxo que algunha das moitas rúas que existen en Valga sen denominación sería unha mellor opción que a escollida polo goberno municipal sen consulta previa con todos os grupos políticos da corporación municipal, asociacións e mesmo cos propios veciños e veciñas da Callebaixa, molestos pola falta de diálogo.