O Concello alega contra o parque eólico que arruinaría por completo a paisaxe do entorno da Serra da Fracha

Parque forestal da Fracha
Parque forestal da Fracha
O Concello alega contra o parque eólico que arruinaría por completo a paisaxe do entorno da Serra da Fracha

Pontevedra, 24 de abril de 2026. A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra decidiu presentar un recurso contencioso-administrativo contra a resolución da Dirección Xeral de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galiza que autoriza a construción e posta en marcha do parque eólico Serra da Fracha.

O alcalde lembrou que xa en xaneiro deste ano, o goberno municipal solicitou a anulación desta resolución, un trámite obrigatorio antes de acudir á vía xudicial.

Segundo explicou Miguel Anxo Fernández Lores, a falta de resposta ás alegacións presentadas implica que estas deben entenderse como rexeitadas, o que habilita ao Concello para interpor o recurso.

A principal preocupación municipal radica no impacto do parque eólico sobre terreos de titularidade municipal, xa que o proxecto afecta a áreas de protección vinculadas ao parque forestal da Fracha, un espazo no que o Concello realizou investimentos significativos nos últimos anos.

Ademais, o goberno local advirte da inquietude existente entre as comunidades de montes afectadas, que alertan sobre os efectos negativos na paisaxe, e a proximidade das instalacións a vivendas e terreos comunais.

Lores argumentou tamén a falta de transparencia na tramitación deste proxecto, con modificacións non informadas, unha situación que xera indefensión ao concello.

O recurso preséntase en base aos informes dos técnicos municipais que cuestionaron o rigor dun informe de impacto ambiental que non considerou a flora e fauna ameazadas ou en perigo de extinción, e advirtiron de que o complexo "arruinará por completo a paisaxe" deste monte.

Para os técnicos municipais, o proxecto eólico de Santa Teresa, que prevé a instalación de dous aeroxeradores cunha potencia de 8,4 megavatios, provocaría "un impacto paisaxístico de enormes dimensións e imposible de corrixir”, arruinando “por completo a paisaxe en todo o entorno da Serra da Fracha, facendo desaparecer o seu carácter como elemento singular e característico do horizonte pontevedrés".

Informe dos técnicos municipais

O Concello alega contra o parque eólico que arruinaría por completo a paisaxe do entorno da Serra da Fracha