O Concello de Caldas repartirá até 1.400 euros en premios na Festa dos Maios
Caldas, 23 de abril de 2026. O Concello de Caldas repartirá até 1.400 euros en premios na Festa dos Maios do vindeiro día 1. O tenente de alcalde Manuel Fariña, que anima a asociacións, colexios e entidades a participar na tradicional celebración da chegada da primavera, vén de anunciar que todos os colectivos que se presenten recibirán unha gratificación unha gratificación económica.
O responsable de Cultura destaca que os ‘maios’ son unha das tradicións máis singulares da cultura popular galega, transmitida ao longo dos anos da xente maior á máis nova. Co fin de que se manteñan estas celebracións e que Caldas poida lucir as construcións de fiúncho, flores, follas, froitos e ovos acompañadas de cantigas e coplas cheas de retranca e enxeño, o goberno local decidiu facer unha importante aposta económica nesta festa.
Así, este ano vai repartir até 1.400 euros en premios na celebración: haberá os tradicionais e respectivos premios de 200 euros á mellor copla, á mellor interpretación e ao maio mellor engalanado (que se poden acumular), e caberá a posibilidade tamén doutro premio extra, un accésit de 200 euros, para recoñecer o bo facer dalgún maio que non fose premiado nas categorías xerais.
Amais, todos os maios participantes que non sexan galardoados recibirán unha gratificación por participar de 60 euros. Se o número de maios participantes e non premiados fose superior a dez, o incentivo por participación será o resultante de dividir 600 euros entre o número de participantes, tal como queda recollido nas bases.
Para participar nesta edición da Festa dos Maios de 2026, como xa é habitual, as persoas interesadas terán que estar na Praza das Palmeiras co seu maio antes das 11.30 horas, cubrir unha ficha de inscrición cos datos das persoas integrantes do grupo e entregar ao xurado copias dos textos das coplas que van cantar.
Os maios deberán estar elaborados cunha estrutura de madeira, e engalanados con materiais tradicionais (sacos de esparto, musgo, xestas, flores silvestres, ovos, fiúncho, froitas, tecidos vexetais...), mentres que as coplas deberán ser orixinais. O xurado terá en conta a retranca, o enxeño e o ritmo, e será penalizado o uso de creacións de anos anteriores. No apartado de interpretación terase en conta o vestiario, a posta en escena, a sincronización e a afinación das voces, así como o acompañamento con paus ou pandeiros, e o uso de prendas de acordo co modelo tradicional.
Co fin de darlle maior realce á festa, e como se facía tradicionalmente, anímase a todos os grupos para que expoñan os seus maios e canten as súas coplas nas prazas e fagan percorrido polas rúas da vila termal.