O ALCALDE DE SOUTOMAIOR CALA DIANTE DUN GRAVE FEITO QUE AFECTA Á SAÚDE DOS NOSOS FILLOS
O PP terá o centro de saúde de Arcade sen pediatra como mínimo 15 días
o voceiro municipal do BNG Manu Lourenzo, sinalou que “é simplemente unha vergoña que as familias de Soutomaior teñamos que ver como se lles recorta o pediatra aos nosos fillos nesta época. Supoño que para o PP os nosos fillos enferman tamén por riba das súas posibilidades”
O servizo de atención pediátrica do centro de saúde de Arcade leva unha semana enteira sen dar nin unha soa cita. Así o denuncian varias familias de Soutomaior que comproban como son remitidos a outros centros de saúde, xa que a Xunta non cubre con substitutos nin as vacacións nin as baixas do persoal do centro de saúde de Arcade.
A pesar de que estamos nun momento do ano no que doenzas infantís como febres e gripes provocan unha alta demanda deste servizo, o PP decidiu non contratar substitutos e deixar sen pediatra aos nenos de Arcade.
A este respecto, o voceiro municipal do BNG Manu Lourenzo, sinalou que “é simplemente unha vergoña que as familias de Soutomaior teñamos que ver como se lles recorta o pediatra aos nosos fillos nesta época. Supoño que para o PP os nosos fillos enferman tamén por riba das súas posibilidades”
Dende o BNG indicaban que a única solución que se lles dá as familias que teñen aos seus fillos enfermos é a de agardar 15 días ou pedir cita noutro centro de saúde.
“Esta é a situación da sanidade pública. Os nosos fillos sen pediatra, a Xunta recortando en sanidade e o goberno municipal sen dicir nin chío” , sinalaba o voceiro nacionalista en referencia ao silencio do PP de Soutomaior.
Unha vez máis vemos como antepoñen os seus intereses de partido aos dereitos da veciñanza, mesmo cando se trata da saúde dos nenos. Referíanse no BNG ao feito de que Agustín Reguera, no ano 2008, durante o goberno bipartito, convocara aos medios para criticar á consellería de sanidade, daquela xestionada polo PSOE, porque durante unha semana non había pediatra en Arcade. Pero agora que a situación é moito máis grave, como gobernan eles non di nin chío.
Porén, o voceiro do BNG criticaba a dobre moral e o cinismo que politicamente amosa o alcalde de Soutomaior. Hai uns anos presentábase no centro de saúde, cámara en man, para denunciar unha situación menos grave que a de hoxe. Pero, agora que os nosos fillos están nunha situación peor, cala. “Sen dúbida,todo un exercicio de valentía política”, ironizaba Manu Lourenzo.
Agora mesmo, o servizo de pediatría está fóra de servizo por un mínimo de 15 días e esta situación repítese constantemente sen que ninguén ofreza ningunha solución para a veciñanza.
Dende o BNG sinalaron que nós sempre defendemos e defenderemos a nosa veciñanza, goberne quen goberne, a nosa prioridade son as/os veciñas/os de Soutomaior. Outros, xa vemos como actúan.