UN PASO ADIANTE PARA FAVORECER A AUTONOMÍA DOS MÁIS CATIVOS

Déixaos vir sós. Pontevedra acompáñaos

nena-escola- PONTEVEDRA- CAMIÑOS ESCOLARES

O obxectivo da iniciativa é facer da cidade un espazo seguro e amábel para uns cativos que teñen que formarse como persoas autónomas e respectuosas coa colectividade. 

Déixaos vir sós. Pontevedra acompáñaos

Cartel camiños  1

A cidade é un espazo amábel para os nenos e nenas e os seus cidadáns velan por eles. Mais os pequenos teñen que ser autónomos, responsábeis e coñecedores da súa contorna e con este obxectivo o proxecto de camiños escolares -itinerarios vixiados e controlados por monitores ou voluntarios- dá un paso adiante e entra nun proceso de actualización e ampliación que quere implicar no só a comunidade educativa senón a sociedade en xeral.

A concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, subliña a necesidade de avanzar no proceso de autonomía e madurez das nenas e nenos e para logralo comezará, nos camiños escolares xa consolidados, a retirada paulatina dos monitores dos cruzamentos dos itinerarios peoniles ao colexios, algúns deles incluso con semáforo e todos con medidas de calmado de tráfico e sinalizados. Aínda así cando se considere que pode haber unha certa perigosidade o cruzamento seguirá vixiado pola Policía Local ou por voluntarios.

A supresión dos monitores farase dun xeito gradual até o final de ano e sempre despois de avaliar coas nais e pais dos escolares os itinerarios, edeixando claro que aí onde haxa puntos potencialmente conflitivos haberá control. Esta semana semana (luns e mércores) están convocadas xuntanzas nos distintos colexios con camiños escolares co fin de explicar o salto adiante que se quere dar.

O paso adiante que supón a eliminación de monitores darase en aqueles centros con camiños escolares consolidados e manterase como estratexia nas novas rutas como o caso de Monte Porreiro -implantadas hai só un ano e un tráfico e ordenación do barrio moi distinta ao centro urbano- ou as que se van a pór en marcha para os colexios da Xunqueira e en centros educativos do rural como por exemplo en Salcedo ou en Lourizán.

Na actualidade o 80% dos escolares de sete centros educativos da cidade vai andando a clase e o 25% faino só.

Para avanzar na autonomía persoal dos máis pequenos e tamén na súa socialización, dende o Concello estase a traballar na elaboración dunha unidade didáctica sobre o uso eo coñecemento da cidade e no deseño dun programa de actividades fóra das aulas na rúa. “Queremos que os nenos e as nenas salgan sós, que queden con amigos, que fagan os recados dos maiores, que se encontren para ir xuntos a xogar, a facer deporte... que saiban moverse pola cidade” apunta a concelleira de Protección Cidadá quen subliña que “o éxito dos camiños escolares será cando os rapaces decidan por eles mesmos que itinerario seguen para ir ao colexio”.

O éxito dos camiños escolares será cando os rapaces decidan por eles mesmos que itinerario seguen para ir ao colexio

Por outra banda nestes meses de setembro e outubro localizáronse todos os comercios, establecementos hostaleiros e negocios abertos en horario escolar -moitos deles colaboradores dos camiños escolares- e falouse con eles para profundar no seu papel colaborador, de “acompañante” dos nenos e nenas na súas idas e voltas dos colexios que saiban que poden recorrer a eles en caso de apuro. Estes establecementos disporán dunha pegatina identificadora de amigo dos nenos.

Ademais nas semanas vindeiras responsábeis da Concellería de Protección Cidadá e da Policía Local reuniranse coas asociacións veciñais de Pontevedra co fin de exporlles o proxecto “Pontevedra os acompaña” e pedirlles que se sumen a iniciativa de facer da cidade un espazo seguro e amábel para uns cativos que teñen que formarse como persoas autónomas e respectuosas coa colectividade. 

Déixaos vir sós. Pontevedra acompáñaos