O PP quere destruir o modelo Pontevedra
O Parlamento de Galiza aprobou este xoves unha Proposición Non de Lei presentada polo Partido Popular na que se insta ao Concello de Pontevedra a aprobar o PXOM atendendo ás condicións que marca a Xunta.
César Mosquera declarou esta mañá que o Concello de Pontevedra non vai atender a este requerimento porque suporía acabar co modelo Pontevedra: "Non imos a poñer Ence como zona industrial, non imos destrozar Monte Carrasco para que sexa urbanizable e non imos reducir a edificabilidade".
A verdadeira intención da Xunta do PP é "cargarse o modelo urbano de Pontevedra", un modelo, dixo, "radicalmente diferente" aos desenvolvidos nos plans doutras grandes cidades.
O modelo de Pontevedra está a ser recoñecido internacionalmente con numerosos premios e conveites a participar en xornadas internacionais porque se atopa na vangarda do urbanismo e atende ás necesidades dos cidadáns, non aos intereses das grandes empresas.
Mosquera engadiu que, sobre esta "proposición peregrina", "non temos nada que dialogar coa Xunta". "Se queren ese PXOM, que o fagan eles" afirmou o concelleiro pontevedrés que lembrou que a actual lexislación permite á Xunta adoptar esa solución: "que fagan ese plan, que o aproben e que o expliquen á cidadanía. Nós non acatamos as súas directrices e non imos aplicalas"
A Proposición do PP contou cos votos en contra dos deputados e deputadas do BNG e os favorábeis de AGE e PP. O PSOE abstívose.