Pontevedra, en galego
Mal que lle pese ao PP, en Pontevedra os sinais de tráfico seguirán só en galego, como vén acontecendo desde 1999, sen que existise nunca ningún problema social.
A insistencia do PP, co seu portavoz Jabobo Moreira, para que Pontevedra rotule en español os sinais de tráfico afondan na liña política de españolización da nosa sociedade que está a levar a cabo PP, desde a reforma educativa do ministro de Educación, o tristemente célebre José Ignacio Wert, até as políticas galegofóbicas desenvolvidas polo executivo de Núñez Feijoo e por organizacións satélites como Galicia Bilingüe amparadas e promovidas polo PP.
Unha aposta decidida pola normalización
O BNG mantén unha aposta decidida pola normalización do noso idioma en todas as esferas da vida institucional e social. Unha aposta clara, decidida e sen complexos que se basea no feito de que o galego é a única lingua propia de Galiza.
O Concello fará os "reaxustes" necesarios nos sinais de tráfico para unificar o criterio de limitación de aparcamento; iso si, os sinais seguirán estando única e exclusivamente no idioma propio de Galiza.