O BNG esixe un estudo de avaliación de impacto ambiental para o aeródromo de Godos
Caldas, 12 de marzo de 2013. O Polémico proxecto do Campo de ULM de Caldas de Reis (aeródromo de Godos) que no seu día contou co apoio de personaxes como Rafael Louzán, Juan Manuel Rey, Jesús Goldar e José María Bello Maneiro continúa coa súa tortuosa tramitación legal. A Dirección Xeral de Calidade e avaliación Ambiental dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente ven de trasladar aos concellos de Caldas de Reis, Portas, Vilagarcía de Arousa, Meis e Ribadumia, así como ás asociación ecoloxistas o documento ambiental do proxecto para consultalos sobre a necesidade ou non de que este se someta á avaliación de impacto ambiental.
Ao BNG non lle cabe ningunha dúbida de que é absolutamente necesario que este proxecto se someta a esta avaliación ambiental. Entre outras razóns porque a pista de aterraxe se sitúa moi preto do río Umia, unha paraxe na que habitan insectos como as libeliñas, insectos en perigo de extinción e moi sensíbeis á alteración do seu hábitat, ademais de diversas aves e animais propios dun entorno que debemos preservar. Debemos ter en conta tamén que os terreos nos que se asentan estas instalacións son terreos asulagábeis e, polo tanto, deben ser analizadas as consecuencias ocasionadas por posíbeis asulagamentos.
O BNG quere lembrar que os partidos que no seu día apoiaron a recalificación dos terreos nos que se asentaría o controvertido aeródromo (PSOE, PP e ICdR), nunca tiveron en conta os intereses dos veciños e veciñas da parroquia de Godos e, máis concretamente, do lugar de Reguengo, xa que dende o primeiro momento a súa principal preocupación foi cumprir o capricho dun construtor cos métodos máis perversos que a lei permite, a recalificación duns terreos catalogados como rústicos de especial protección agraria dun xeito escuro e miserábel para saltarse unha sentenza xudicial.
Dende o BNG instamos, polo tanto, ao concello de Caldas de Reis a que responda á consulta da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decindo que é imprescindíbel que este proxecto se someta á avaliación de impacto ambiental e que se garanta unha correcta conservación do noso medio ambiente.