O PP de Cerdedo-Cotobade vota en contra da moción do BNG para declarar Persoa Non Grata ao Presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet polo peche da sucursal bancaria de Carballedo

image0
O PP de Cerdedo-Cotobade vota en contra da moción do BNG para declarar Persoa Non Grata ao Presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet polo peche da sucursal bancaria de Carballedo

Cerdedo-Cotobade, 30 de setembro de 2021. O Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade celebrado no día de hoxe foi rexeitada, cos votos favorabeis de BNG e PSOE e o voto en contra do PP, unha moción do BNG na que solicitaba que se declarase Persoa Non Grata ao Presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, polo peche da oficina de Carballedo, a única con que contaba o antigo concello de Cotobade. O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, lamentou a covardia do alcalde e o seu grupo, nun momento no que todas as medidas de presión e de repulsa son necesarias para revertir unha situación que será nefasta para os veciños e vecinas.

Ernesto Filgueira, afirmou na súa intervención que “o peche da oficina se trata dunha decisión unilateral e arbitraria da entidade bancaria que dirixe o señor Escotet, e que é un duro golpe para un concello rural como o noso que vai ter graves consecuencias, en primeiro lugar para a capitalidade de Carballedo, que perde un servizo máis e vai esmorecendo pouco a pouco, e en segundo lugar para o tecido económico e social de Cotobade”.

O edil nacionalista lembrou que “temos unha poboación avellentada con máis do 32% da poboación maior de 65 anos, co que este feito implica á hora da mobilidade e de poder realizar xestións telemáticas”. 

Esta decisión do Presidente de Abanca de pechar a oficina de Carballedo creou un forte malestar político, social e empresarial, toda vez que obriga á poboación a desprazarse a Cerdedo ou a  municipios limítrofes para realizar calquera tipo de xestión bancaria.

Na moción Ernesto Filgueira solicita, ademais, como sinal de protesta a retirada inmediata das contas municipais de Abanca, así como o rexeitamento a substituir a oficina por un caixeiro automático, para colmo pagado por todos os veciños e veciñas que nos vemos privados do servizo bancario. “É unha auténtica bulra que a Xunta do PP en vez de presionar políticamente a Abanca para que non suprima servizos no rural se adique a premiala con millóns de euros para colocación de caixeiros”.

“É indignante -afirmou Filgueira- que un banco rescatado cos cartos de todas e todos nós e logo regalado a prezo de saldo, que ademais presume de beneficios millonarios peche sucursais, bote xente á rúa e negue servizos esenciais á poboación. E máis indignante é se cabe que o faga coa connivencia e a colaboración activa do goberno do sr. Feijóo”. 

O PP de Cerdedo-Cotobade vota en contra da moción do BNG para declarar Persoa Non Grata ao Presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet polo peche da sucursal bancaria de Carballedo