A adhesión de Ence ao porto é unha «vía cega» que xa foi descartada hai dezaseis anos
Pontevedra, 28 de setembro de 2021. O Concello de Pontevedra fixo un chamamento á Xunta e ao Partido Popular, para que deixen de crear «expectativas absurdas» con ENCE, como a da súa incorporación ao Porto de Marín, unha vía xa pechada hai 16 anos.
Mosquera lembrou que esta posibilidade xa foi estudada no ano 2005, malia que naquel intre optaran pola saída da prórroga ao considerala «máis factíbel para saltarse a lei», aínda que esa saída fraudulenta fose tombada finalmente pola Audiencia Nacional. Sexa como for, a ampliación de zona de servizo do Porto de Marín chegou a contar cun expediente aberto, e un informe municipal, que simplemente ofrecía unha negativa perante esta posibilidade. A maiores, o Concello pediu un informe a quen pasaba por ser «o maior experto de portos no Estado», Francisco Javier Jiménez de Cisneros Cid, que sería «demoledor» para a viabilidade desa solicitude.
César Mosquera: “semella que o PP está convertido na confraría do fraude, sempre buscando solucións fraudulentas. En Costas só pode estar o que pode estar, e Ence non pode estar”
Naquel informe sinalábase que nos portos non pode haber actividades que non estean vinculadas e sexan necesarias para o funcionamento do porto, «e é evidente que ningún porto ten unha celulosa», comentou o edil, que continuou lembrando que o Estado, logo de contemplar esta posibilidade e comprobar o seu pouco percorrido legal, decidiu abandonar esta vía, arquivando o asunto no mesmo ano 2005.
«Nestes momentos sería peor, porque está claro que a idea de adherirse ao porto vén dada pola idea de saltarse unha sentenza, non hai por onde collelo», sinalou Mosquera. «É evidente que esta vía tería e terá menos percorrido do que tivo no ano 2005. As sentenzas non poden ser saltadas facendo fraudes deste tipo. Volver a resucitar unha vía que xa estaba cegada hai dezaseis anos é, francamente, crear unhas expectativas absurdas, marear a xente, e sen ningún viso de que vaia chegar a nada. Ence non pode estar aí e hai que buscar unha localización alternativa».