O BNG leva ao Parlamento Galego a apertura dun expediente sancionador por parte do Concello de A Lama contra unha veciña integrante de SOS Suído
28 de setembro de 2021. O pasado 31 de agosto unha integrante da plataforma SOS Suído Seixo, colectivo que loita contra a creación da mina Alberta I na zona de Doade (Beariz) e os demais proxectos mineiros asociados que afectan aos concellos de Beariz, Avión, A Lama, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, recibiu a notificación do “inicio dun procedemento sancionador” por parte do Concello da Lama pola participación nunha concentración de arredor de 30 persoas diante do concello “portando pancartas co lema “Non á mina”.
O deputado que suscribe esta iniciativa, Luís Bará, tamén participou nese acto, que tivo lugar o 16 de outubro de 2020 e que consistiu na presentación de alegacións no rexistro do Concello contra o proxecto mineiro. En todo momento respectáronse as normas sanitarias vixentes, xa que as persoas participantes agardaron a súa vez nunha fileira, mentres o resto de participantes agardaban no exterior do concello. No lugar estivo presente unha patrulla da garda cicil, que en ningún momento advertiu nin da ilegalidade do acto nin do incumprimento das normas sanitarias.
Os feitos tiveron lugar durante a presentación de alegacións no Concello contra o proxecto mineiro Alberta I
As persoas participantes nesta presentación de alegacións exercitaron un dereito fundamental, presentando escritos de alegacións e protestando contra un proxecto mineiro lesivo para os seus intereses e os do medio.
A actuación do Concello da Lama, case un ano despois, denunciando a unha integrante da plataforma e propoñendo unha sanción de 100 euros, só pode entenderse como un intento de intimidación e de castigo ao movemento social de defensa do territorio, así como un exemplo de persecución dos máis elementais dereitos democráticos.
Cómpre ter en conta que se produce esta situación mentres a Xunta de Galiza segue sen aclarar cal é a situación do proxecto mineiro Alberta I, un proxecto que non cumpre coas garantías ambientais e que conta cun informe desfavorábel da Confederación Hidrográfica Miño Sil. A estas alturas, máis de dez meses despois da presentación das correspondentes preguntas e preticións de documentación por parte do grupo parlamentar do BNG sobre o estado de tramitación do proxecto mineiro, ainda non recibimos resposta por parte da Xunta de Galiza.
A día de hoxe Xunta de Galiza segue sen aclarar cal é a situación do proxecto mineiro Alberta I, un proxecto que non cumpre coas garantías ambientais e que conta cun informe desfavorábel da Confederación Hidrográfica Miño Sil
Polo anteriomente exposto, o grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión
O parlamento galego acorda como resolución expresar o rexeitamento pola actuación do cConcello de A Lama, polo inicio dun procedemento sancionador contra unha integrante da Plataforma SOS Suído Seixo que participou o 16 de outubro de 2020 nun acto de presentación de alegacións contra o proxecto mineiro Alberta I no que se respectaron as normas sanitarias en vigor.
Asemade, o parlamento insta á Xunta a proporcionar a información e documentación sobre o citado proxecto mineiro, dando cumprimento á normativa sobre información e participación ambiental e respectando os procedementos establecidos no regulamento do Parlamento.
Preguntas para resposta oral/Escrita
- Comparte a Xunta a actuación do concello da Lama, que abriu un procedemento sancionador ontra unha integrante da Plataforma SOS Suído Seixo, por participar nun acto de presentación de alegacións contra o proxecto mineiro Alberta I no que se respectaron as normas sanitarias en vigor?
- Comparte o goberno galego este tipo de procedementos que supoñen un intento de intimidación e de castigo ao movemento social que loita contra o proxecto mineiro Alberta I e en defensa do territorio?
- Por que a Xunta de Galiza oculta a documentación e a información sobre o estado de tramitación do proxecto mineiro Alberta I?
- Cando ten previsto o goberno galego dar resposta ás demandas de información e documentación presentadas polo grupo parlamentar do BNG o 16 de novembro de 2020?
Pregunta para resposta oral en pleno
- Comparte a Xunta a actuación do Concello da Lama, que abriu un procedemento sancionador ontra unha integrante da Plataforma SOS Suído Seixo, por participar nun acto de presentación de alegacións contra o proxecto mineiro Alberta I no que se respectaron as normas sanitarias vixentes naquela altura?