Pontevedra xa conta con novos colectores de recollida de aceite usado a través da cooperativa Mulleres Colleiteiras

Pontevedra xa conta con novos colectores de recollida de aceite usado a través da cooperativa Mulleres Colleiteiras

Pontevedra, 6 de outubro de 2025. Xaquín Moreda e María Xosé Abilleira estiveron presentes na colocación dos primeiros colectores destinados á recollida de aceite doméstico usado. Esta iniciativa forma parte do novo contrato de residuos e inclúe a implantación destes elementos, chegando a un total de 32 unidades previstas. 

Os dous primeiros contedores foron instalados na ubicación do Mercado, respondendo a unha demanda preexistente nesa zona. 

O plan de despregamento prevé a instalación dos 32 colectores tanto no núcleo urbano como na zona rural, co obxectivo de dar servizo a todas as parroquias. Algunhas zonas da cidade onde é case seguro que se colocarán colectores inclúen Monte Porreiro e Estribela. No rural, as mellores ubicacións definiranse en colaboración coas asociacións veciñais. Os contedores irán, en principio, integrados na mesma illa de contedores, aínda que isto pode variar dependendo da ubicación. 

O servizo de xestión e recollida será prestado pola cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, que leva unha década traballando neste ámbito. A cooperativa asinou un convenio co Concello a través da colaboración da empresa PreZero. 

Mulleres Colleiteiras encargarase de recoller o aceite e revalorizalo. O aceite recollido é tratado e levado a empresas para convertelo en combustible renovable (biodiésel). A cooperativa estima realizar as rutas de baleirado semanalmente en Pontevedra. Para facilitar a reciclaxe, faranse difusións e regalaranse funís. 

A cooperativa, creada na Coruña en 2015, destaca polo seu impacto social: xera emprego para persoas vulnerables ou en exclusión social. O 99% das mulleres que traballan na cooperativa son mulleres xitanas que se formaron especificamente para este tipo de traballo medioambiental. Actualmente, Mulleres Colleiteiras conta con oito persoas en cadro e agarda xerar máis emprego grazas a este novo capítulo na súa historia.

Pontevedra xa conta con novos colectores de recollida de aceite usado a través da cooperativa Mulleres Colleiteiras