ORGANIZADO POLO ATENEO DE PONTEBVEDRA
O Concello de Pontevedra presenta o ciclo "Castelao 75 aniversario"
Pontevedra, 6 de outubro de 2025. O edil de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, participou na presentación do ciclo "Castelao 75 aniversario", unha iniciativa do Ateneo de Pontevedra, dentro da programación do Ano Castelao, na que a sociedade e as entidades pontevedresas se envorcaron, achegando unha programación “magnífica".
Gómez manifestou o agradecemento do Concello ao Ateneo de Pontevedra polo esforzo realizado para desenvolver esta programación na cidade. O edil resaltou a importancia de vivir nunha cidade que se "volcou" con esta programación.
O ciclo inclúe un total de tres actividades: unha palestra, un festival poético musical e unha conferencia. Iniciarase o 8 de outubro, cunha palestra con Miguel Anxo Seixas Seoane e Xosé Álvarez, no Café Moderno, 19 horas.
Doutra banda, o 22 de outubro celebrarase un encontro poético-musical, con Malvela, Uxía Senlle, Mondra, Silvia Penas e Samuel Merino no Pazo da Cultura, ás 19 horas. Por último, o 29 de outubro, terá lugar no Café Moderno, ás 19 horas, unha conferencia do catedratico Xosé Manoel Núñez Seixas, onde abordará o tratamento histórico dos nacionalismos do Estado español no momento do golpe de estado de 1936
A figura de Castelao é considerada fundamental para explicarnos tanto a Galicia do seu momento histórico como a Galicia actual, sendo unha figura inabarcable e poliédrica, tal e como lembrou o concelleiro. Pontevedra foi un lugar fundamental para Castelao, quen a sentía como o seu "berce" e "niño fundamental" tanto espiritual, ideolóxica como socialmente.
Proxección de "Antes de Nós"
Previamente á celebración deste ciclo, o Concello de Pontevedra, reafirmando o seu compromiso coa promoción da cultura e do cinema galego, proxecta en exclusiva a película "Antes de Nós" o mércores, 8 de outubro, ás 19:30 horas, no Teatro Principal, con entrada libre ata completar capacidade. Ademais desta proxección aberta ao público, o Concello programará outro pase pechado da película, destinado especificamente a institutos.
A xornada contará coa proxección da película seguida dunha intervención especial da actriz protagonista, Cristina Iglesias, quen compartirá co público as súas experiencias e visións sobre o proxecto.
"Antes de Nós" é unha longametraxe de ficción dirixida por Ángeles Huerta que nos mergulla na vida de Castelao antes de converterse na figura pública, explorando a súa faceta máis íntima xunto a Virxinia. A película tece dúas historias: a súa experiencia como médico en Rianxo durante a gripe española en 1918 e a viaxe da parella por Bretaña en 1929, poucos meses despois da perda do seu fillo. É unha historia de separación e reencontro, de crecemento persoal e artístico, e da configuración da identidade galega a través dos ollos dos seus protagonistas.