Inaugurada en Pontevedra a nova sede da Fundación Secretariado Xitano

Inauguración da nova sede da Fundación Secretariado Xitano
Inauguración da nova sede da Fundación Secretariado Xitano
Inaugurada en Pontevedra a nova sede da Fundación Secretariado Xitano

Pontevedra, 6 de outubro de 2025. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, asistiu hoxe a inauguración da nova sede da Fundación Secretariado Xitano (FSX), entidade coa que o Concello de Pontevedra colabora de xeito ininterrompido desde hai máis de dúas décadas. A nova sede, ubicada en San Roque, toma a remuda do que foi o seu local desde o ano 2002, cando o Concello de Pontevedra lles cedeu o uso dun espazo na Casa Azul. 

Nun ambiente festivo a concelleira deu as grazas ao equipo de profesionais da FSX de Pontevedra polo seu traballo a prol da mellora da calidade de vida, educación, formación, inserción laboral e promoción e de hábitos de vida saudables da poboación xitana. E tamén de reivindicación e loita contra os prexuízos e o discurso de odio que pesan sobre eles. 

“Grazas polo traballo que facedes, grazas por levantar a cabeza e sentirvos orgullosas do que sodes, e isto é o mellor de traballar convosco” subliñou a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, quen na quenda de agradecementos engadiu: “grazas ao equipo da FSX-Pontevedra por visibilizar e levar con orgullo o que somos: unha cidade inclusiva, na que todas as persoas somos iguales”. 

A cesión dun local foi o primeiro chanzo da colaboración Concellería de Benestar Social-FSX que ten o seu piar no Programa municipal de seguimento escolar e compensación educativa externa, unha iniciativa pioneira en Galiza, que naceu hai 22 anos co fin de axudar á normalización educativa do alumnado xitano: conseguir taxas máis elevadas de éxito académico, reducir ás taxas de fracaso e abandono escolar e incentivar a continuidade dos seus estudos medios e/ou superiores ou en formación profesional. 

As chamadas “aulas de reforzo educativo” do curso 2025-26 botan a andar na sede da FSX (Campo da Torre, no 20), deixando atrás a Casa Azul, e no Centro cultural de Monte Porreiro. Van dirixidas a estudantes de etnia xitana do último ciclo de Primaria ( 5o e 6a) e de Secundaria obrigatoria (ESO). 

Este ano garántese a participación plena nas aulas de reforzo e nas actividades de lecer dunha nena con perda auditiva (xorda), ao contar cunha intérprete de lingua de signos, grazas ao programa Comunico da concellaría de Benestar Social. 

Porén o programa de seguimento escolar e compensación educativa vai máis aló das clases de reforzo, e inclúe: a colaboración cos servizos socias municipais para actuacións dirixidas a combater o absentismo escolar; o contacto continuado cos centros educativos para facer seguimento do alumnado do programa de apoio educativo e atender as súas demandas; facer mediación familiar para o apoio á escolarización e a asistencia ao reforzo educativo e informar ás familias sobre o funcionamento do sistema educativo, os seus dereitos (bolsas ou recursos específicos) e obrigas. 

Centros como o CEIP A Xunqueira 1, CEIP San Bento de Lérez, CEP Marcos da Portela, CIFP A Xunqueira, CIFP Montecelo, IES A Xunqueira 1, IES Frei Martín Sarmiento, IES Torrente Ballester e IES Luís Seoane levan anos implicándose, de maneira activa, nesta aposta por reducir a fenda educativa. 

Ademais compleméntanse con Obradoiros de ocio inter-culturais, nos que se desenvolven dinámicas e xogos con contidos transversais: educación medio-ambiental, hábitos saudables, valores...e realizan visitas culturais, festas ou celebran datas sinaladas como o 8 de Abril. 

Por outra banda, desde o 2014 o Concello de Pontevedra colabora tamén co Programa Promociona da FSX, co fin de que cada vez máis mozas e mozos xitanos completen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e continúen estudando e formándose, o que incrementará as súas posibilidades de promoción social e emprego. 

Inaugurada en Pontevedra a nova sede da Fundación Secretariado Xitano