25 DE OUTUBRO
Caldas acollerá unha carreira urbana de "vellas glorias" do ciclismo
Pontevedra, 6 de outubro de 2025. Caldas, 6 de outubro de 2025. Caldas de Reis caldas acollerá o 25 de outubro unha carreira urbana de ‘vellas glorias’ do ciclismo. A proba, organizada polo Concello de Caldas, pretende converter a vila termal no epicentro do ciclismo estatal e, de paso, congregar á moitas persoas afeccionadas que poderán participar e rodar coas lendas do deporte unha pequena parte do circuíto.
Entre os destacados participantes atópanse lendas do ciclismo galego como Álvaro Pino, o primeirociclista do estado en gañar o Tour de Francia en 1986; Ezequiel Mosquera, coñecido pola súa destacada actuación na Volta a España; José Teixeira, un referente no pelotón; Blanco Villar, unha icona nas competicións de fondo; e Evaristo Portela, un gran escalador da época actualmente director do equipo Froiz.
Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, tamén responsable de Deportes, a proba foi organizada en colaboración co exciclista profesional e veciño de Caldas, Manuel Piñeiro. O anfitrión, que participou entre 1982 e 1990 en importantes probas do calendario ciclista como a Volta ou o Tour, está agora a contribuír no desenvolvemento do ciclismo en Galiza e facer de embaixador deste deporte na súa propia vila e tamén terá unha participación destacada na proba.
A carreira consistirá en percorrer dende as 16.30h da tarde un circuíto urbano de 1,3 quilómetros -30 voltas- deseñado polo exciclista profesional e tamén veciño da vila termal, Samuel Blanco Prol, que pasará polas principais rúas do centro da vila: terá saída da Prazuela, para despois seguir polas rúas Carlos García Baión, Río Pequeno, Porto do Río, Rúa Real, Fornos, Rúa da Igrexa, Palmeiras, Rúa da Oliva e Laureano Salgado Baión para chegar de novo á Prazuela. Fariña destaca que o percorrido foi deseñado para facilitar a visibilidade da proba e que a xente de Caldas se volque acudindo como público. Incluso será posible que persoas afeccionadas poidan rodar xunto ás lendas algunha das voltas ao circuíto, pero non en toda a súa extensión por cuestións de seguridade”.
“Ciclistas que fixeron historia no deporte reuniranse nesta carreira, onde non só competirán, senón que tamén compartirán anécdotas e lembrarán rivalidades que perduraron ao longo dos anos”, apunta Fariña, que destaca que a proba será unha festa que atraerá á vila termal a xente de todo o país. “A trascendencia dun evento destas características porá Caldas no mapa do deporte unha vez máis”, sentenza.