O Concello estuda unha modificación das bases do Cidade de Pontevedra para galardoar as traxectorias vitais das persoas e entidades premiadas
Pontevedra, 6 de outubro de 2025. O Concello estuda unha modificación das bases do Cidade de Pontevedra para galardoar as traxectorias vitais das persoas e entidades premiadas.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez informou que a Comisión de Cultura abordou unha proposta da presidencia para a modificación das bases dos premios Cidade de Pontevedra. Ademais de adaptar as bases á normativa lingüística vixente e facer unha redacción máis clara e actual, a proposta inclúe que se poida premiar unha traxectoria vital (en ambas as dúas categorías) e non soamente por méritos do ano anterior. Tamén se estuda a posibilidade de convocar os premios antes e ampliar os prazos posteriores de tramitación.
O concelleiro explicou que "os premios Cidade de Pontevedra ordénanse a través dunhas bases que foron aprobadas no pleno do 25 de novembro do ano 2000. Dende aquela, a cidade cambiou e os prazos administrativos, tamén, polo tanto, precisan unha actualización importante". Ese cambio sería a varios nivéis: un en relación a que o premio quedase aberto e se puidese dar por un labor de un ano ou ao labor de toda unha traxectoria vital; e o segundo é que se adapten á actual normativa lingüística (linguaxe inclusiva).
Ademais a Comisión de Cultura tamén abordou a posibilidade de modificar os prazos de presentación de candidaturas co propósito de gañar tempo para a tramitación administrativa posterior do premio, dado que a estrutura administrativa municipal vai moi axustada no tempo.
Estas propostas, realizadas pola presidencia da Comisión, ademais de ser trasladadas aos grupos políticos municipais tamén se lle trasladaron ao representante das entidades culturais para que as comparta co resto de entidades e ao presidente da Federación de veciños Castelao para o seu debate interno.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez entende que as propostas poderían chegar ao longo deste mes e aprobar a modificación nunha comisión que permita aprobar as novas bases no pleno de novembro e que entren en vigor para a vindeira convocatoria a finais de decembro. De todos os xeitos, Demetrio Gómez explicou que o realmente importante é "chegar a un acordo unánime que cambialas este ano. Os premios Cidade de Pontevedra levan moitísimos anos e creo que é máis importante que manteñamos a unanimidade e o acordo que modificalas este ano".