Constituído o Consello Verde Urbano, un órgano de participación para a rexeneración e recuperación da biodiversidade de Pontevedra

Constitución do Consello Verde Urbano
Constitución do Consello Verde Urbano
Constituído o Consello Verde Urbano, un órgano de participación para a rexeneración e recuperación da biodiversidade de Pontevedra

Pontevedra, 6 de outubro de 2025. O Concello de Pontevedra constituíu o Consello Verde Urbano, un órgano informativo e participativo que actuará como tribuna medioambiental e canle estable para compartir avances, recoller achegas e fomentar o debate arredor de solucións de rexeneración urbana e recuperación da biodiversidade. 

Este Consello está inicialmente formado pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, a Mancomunidade de Montes, a asociación VaiPoloRío, a asociación pola Defensa da Ría, a Mesa pola Recuperación do Río Valdecorvos, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao e o concelleiro de Servizos urbanos básicos Xaquín Moreda, quen asegurou neste primeiro encontro que "esta é unha mesa de continuidade, coa que pretendemos informar sobre a renaturalización continua de Pontevedra”. 

Na súa primeira reunión, constitutiva e informativa, deuse conta do estado e da planificación do proxecto RedeVerde Pontevedra, o programa municipal que aposta pola renaturalización urbana e o reforzo da infraestrutura verde para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático, incrementar a biodiversidade e gañar habitabilidade na cidade. 

O principal fito do proxecto é a renaturalización do río Gafos (treito urbano). Informouse do seu estado de tramitación e achegáronse datos xerais desta importante actuación ambiental, pero tamén integran RedeVerde Pontevedra outras propostas como a restauración ecolóxica da Xunqueira da Gándara (Marisma do Alba). 

RedeVerde Pontevedra, estratexia, divulgación e participación 

Xunto ás obras, o proxecto contempla o desenvolvemento da Estratexia Local de Infraestrutura Verde e Resiliencia Urbana, que inclúe a delimitación de áreas núcleo, corredores e zonas multifuncionais, a identificación de riscos e vulnerabilidades e a elaboración dun Plan de Acción, situando a Pontevedra como referente de renaturalización urbana en contornas costeiras atlánticas suxeitas a riscos naturais. 

RedeVerde nace tamén coa vontade de abrir e ordenar a participación social polo que nas vindeiras semanas porase en marcha unha programación de sensibilización pública cos laboratorios “Renaturaliza a túa vila”, pensados para que o alumnado de primaria propoña ideas para renaturalizar a súa contorna; stands medioambientais para escoitar e implicar á cidadanía menos organizada; pasiños verdes nos escenarios ambientais máis emblemáticos —Xunqueira da Gándara (Marisma do Alba) e Gafos— orientados a motivar ás persoas máis novas; e rutas guiadas con persoal experto para interpretar de forma accesible o valor ecolóxico, social e urbano das intervencións. 

O compoñente técnico e o intercambio de coñecemento compleméntanse cun congreso internacional organizado pola Universidade da Coruña (UDC) en 2025 sobre solucións baseadas na natureza e renaturalización para a transformación urbana de cidades costeiras atlánticas e a súa adaptación ao cambio climático, reforzando o carácter innovador e a proxección de RedeVerde. 

Constituído o Consello Verde Urbano, un órgano de participación para a rexeneración e recuperación da biodiversidade de Pontevedra