Pontevedra volve ferver no verán con centos de actividades espalladas por toda a cidade

O-SON-DA-RÚA-copia
Pontevedra volve ferver no verán con centos de actividades espalladas por toda a cidade

Pontevedra, 17 de xuño de 2021. A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou o que cualificou como “o segundo anticipo da programación de verán”. Así, anunciou os 14 programas que se desenvolverán desde o 2 de xullo ata o 6 de agosto, xusto até antes de que dean comezo as Festas da Pegrina. Da Silva explicou que “o que corresponde ás Festas da Peregrina e a toda a programación que queda até que remate o verán, farase pública máis adiante porque para pechala definitivamente estamos moi pendentes de como van evoluíndo distintas normas sanitarias que van entrando en vigor e que van cambiando cada semana”. 

Salientou que estes 14 programas supoñen “centos de actividades e centos de artistas”, que actuarán por diversos espazos da cidade e dos barrios e que “é unha programación feita con variedade e con diversidade para todos os públicos”. 

Entre as novidades mencionou programas novos como ‘Cabaré Cabaré’, ‘Ponteilusión’ ou ‘Vai de monólogos’. 

Tamén fixo unha mención especial ao programa que abre a programación de xullo ‘Ambienta’, sobre o que indiciou que “é o festival de cine de temática LGBT que colle o relevo do FLOP e que queremos que sexa o inicio do que será un gran festival en Pontevedra de cine da diversidade e da pluralidade. 

Salientou o regreso da ‘Festa dos Libros’ xa que “fora unha das grandes ausentes do verán pasado”; e salientou o protagonismo que “as mulleres teñen nas actividades que organizamos durante o verán en Pontevedra que, aínda que están por toda a programación, quixemos darlle protagonismo co programa ‘Con voz de muller’ que traerá o mellor que hai neste momento no panorama artístico galego”. 

O programa xa pode consultarse en liña na web do Concello e no programa que será repartido a partir de mañá en papel. Carme da Silva explicou que este ano “vai incluído un agasallo para facilitar o seu seguimento e poder seleccionar as actividades ás que ir”. Co programa vai incluído un programa-calendario acompañado dun imán para poder colgalo nunha superficie metálica posto que, en palabras da concelleira “ esta programación é un reto á capacidade da sociedade de Pontevedra e das persoas que nos acompañen”. 

Ademais dos 14 programas, tamén se inclúen o San Bieito, o 11 de xullo, que coas normas sanitarias vixentes contará con pasacalles de grupos de música tradicional durante todo o día; a Feira de artesanía e deseño ‘Chalana’, do 14 de xullo ao 3 de agosto, no paseo Antonio Odriozola; e o Santiaguiño do Burgo, do 23 ao 25 de xullo, que atendendo tamén ás normativa vixente neste momento inclúe dianas, alboradas, e pasacalles de grupos de música tradicional polo barrio do Burgo durante todo o día.

PROGRAMAS

1. Ambienta. Do 2 ao 7 d exullo na praza da Pedreira

2. FestadosLibros. Do 2 ao 4 de xullo na praza da Ferraría

3. Memoria lRicardo Portela. Do 9 ao 11 d exullo na praza da Ferraría

4. Rock na vila. O 12 e 13 de xullo na praza da Ferraría

5. Vai de monólogos. Do 14 ao 18 dexullo na praza da Curtidoira

6. Con voz de muller. Do 14 ao 18 de xullo na praza da Ferraría

7. Noitadas de Jazz. Do 19 ao 23 de xullo na praza da Ferraría

8. Ponteilusión. Do 24 ao 28 de xullo na praza da Ferraría

9. Clásicas no Gafos. Do 26 ao 29 de xullo no paseo dos Gafos

10.Cabaré, Cabaré.  Do 29 de xullo ao 1 de agosto na praza da Ferraría

11. Acústica na Parda.  Do 30 de xullo ao 1 de agosto na Parda

12.Bule Bule polas rúas.  Do 2 ao 6 de agosto, itinerante polas rúas e prazas da cidade 

13.Urbana Monte Porreiro.  Do 2 ao 6 de agosto no Miradoiro de Monte Porreiro

14.Cine e estrelas. Do 2 ao 6 de agosto na praza da Pedreira

Pontevedra volve ferver no verán con centos de actividades espalladas por toda a cidade