O BNG demanda a construcción dunha rotonda na PO-308 na intersección coa baixada á Chousa, en Combarro

po-308-combarro
po-308-combarro
O BNG demanda a construcción dunha rotonda na PO-308 na intersección coa baixada á Chousa, en Combarro

Poio, 17 de xuño. O BNG, a través do deputado Luís Bará, vén de presentar unha PNL no Parlamento Galego para intar á Xunta a incluír no proxecto de reforma da PO 308 entre A Fontenla e Combarro unha rotonda no núcleo de Combarro, na intersección entre a estrada autonómica, a rúa do Camiño Real e a Baixada á Chousa, así como atender as demais alegacións presentadas pola veciñanza e polo concello de Poio.

A Axencia Galega de Infraestruturas está a tramitar o proxecto de reforma parcial da PO 308 entre A Fontela e Combarro, obra integrada nunha serie de actuacións de reforma por fases desde vial que conecta Pontevedra e O Grove pasando por Poio e Sanxenxo. 

Recentemente tivemos coñecemento da resposta da AGI á asociación veciñal, cultural e recreativa de Combarro na que se comunica que se desbota a proposta de construción dunha rotonda na intersección da PO 308 co Camiño Real e Baixada á Chousa. 

A construción desta rotonda é unha demanda compartida pola veciñanza e apoiada de xeito unánime pola corporación municipal de Poio, que refrendou así a proposta de alegacións para a mellora do proxecto de reforma da PO 308 entre A Fontenla e Combarro. 

Nestas alegacións municipais faise constar que o deseño actual deste treito da PO 308 “é insuficiente, configurando un dos puntos máis conflitivos de toda a PO 308, complicado pola grande cantidade de peóns que conflúen na contorna con grande perigo da súa integridade”. 

Este punto do PO 308, situado en pleno casco urbano de Combarro, é unha intersección moi transitada porque nela sitúase o vial de acceso ao casco histórico de Combarro. A elevada intensidade do tráfico, multiplicado na época estival, fai que o xiro se faga con moita dificultade, o que leva aparellada tamén unha alta sinistralidade. 

Desde o BNG consideramos que a travesía da PO 308 á altura de Combarro debería ser obxecto dunha actuación integral de urbanización, de xeito semellante ás que se realizou na rúa do Progreso na veciña vila de Sanxenxo. 

Por parte da Xunta de Galiza optouse por unha reforma parcial e non integral, mais, en palabras do deputado do BNG, Luís Bará “sería un erro grave non incluír neste proxecto a reforma da intersección citada, mediante a construción dunha rotonda que mellore a mobilidade tanto peonil como motorizada”. 

O BNG demanda a construcción dunha rotonda na PO-308 na intersección coa baixada á Chousa, en Combarro