Pontevedra visibiliza e apoia as demandas das profesionais da avogacía a través dunha faixa na Casa da Luz
Pontevedra, 4 de xuño de 2024. A Casa da Luz loce desde este luns no seu balcón unha faixa de apoio aos profesionais da avogacía, que ten por obxectivo visibilizar os problemas laborais que arrastran na chamada quenda de oficio, traballadores e traballadoras que garanten o Dereito Fundamental á Defensa.
A colocación deste elemento realízase logo de manter o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, unha xuntanza con distintas representantes da quenda de oficio na que amosaron as súas preocupacións e as súas peticións de apoio de cara a visibilizar e solucionar a súa problemática. O rexedor comprometeuse a apoiar as súas reivindicacións, o que cristalizou na colocación da faixa no edificio municipal da Praza da Verdura.
Desde a plataforma Dignidade Avogacía Pontevedra lembran que a quenda de oficio é un servizo público esencial para garantir o estado de dereito e a tutela xudicial efectiva dos máis desfavorecidos, consecuencia do mandato directo do artigo 119 desa norma e que proclama a gratuidade da xustiza respecto dos que acrediten a insuficiencia de recursos.
Así, lembran que os profesionais da avogacía “prestan ese servizo dun xeito case altruísta, á vista das precarias condicións en que o mesmo se desenvolve”, poñendo o foco nas baixas remuneracións, o non abono dos desprazamentos ás distintas sedes ou a imposibilidade de conciliar a vida laboral e persoal, nin o permiso de paternidade ou maternidade, ou a ausencia de dereito á desconexión dixital.