O CONCELLO CONSEGUÍU ESTE ANO XA MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS EN SUBVENCIÓNS
Un Soutomaior en grande
Soutomaior, 31 de maio de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "o noso concello conseguiu máis dun millón de euros en subvencións concedidas no que vai de ano 2024". Fíxoo durante o pleno ordinario do mes de maio, no que o Goberno local aprobou o seu Plan de Axenda Urbana e Rural, unha folla de ruta coa que o Goberno de Soutomaior implementará a obtención de subvencións estatais e europeas, accedendo a máis e mellores fondos.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo subliñou que a Axenda Urbana e Rural de Soutomaior foi unha das primeiras medidas nas que se puxo a traballar o Goberno local ao comezo do mandato. O rexedor sinalou que para este fin Soutomaior contou cos servizos do decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, e do seu equipo, un dos máis recoñecidos a nivel estatal e europeo na transformación urbana de vilas e concellos.
Desde o primeiro momento, o proceso de elaboración da Axenda Urbana e Rural contou coa participación cidadá da veciñanza de Soutomaior, quen puido facer numerosas e moi valiosas achegas ao documento final. Coa súa aprobación no pleno deste venres, o Goberno local conta xa coas ferramentas necesarias para mellorar a captación de fondos estatais e europeos, o que permitirá levar a cabo nos vindeiros anos actuacións importantes e ambiciosas no noso concello.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “coa Axenda Urbana e Rural, Soutomaior ponse á mesma velocidade que o resto de Europa que xa conta con esta folla de ruta. Somos pioneiros, como así demostra que agora é a Deputación de Pontevedra a que comeza a elaborar a súa Axenda Urbana. Soutomaior tamén vai participar dese proceso, o que demostra que cada vez máis o noso concello é un referente na comarca e na provincia”.
O rexedor tamén sinalou que “un dos principais eixos de traballo do Goberno de Soutomaior é a captación de subvencións para levar a cabo actuacións que melloren a vida da nosa veciñanza. Tanto o máis dun millón de euros obtidos no que vai de 2024 como todos os fondos que captemos grazas á Axenda Urbana e Rural vannos permitir construír un Soutomaior en grande”, concluíu Manu Lourenzo.