A campaña de mellora urbana e ambiental chega ao barrio de Mollavao para acondicionar o parque de Fonte Santa
Pontevedra, 4 de xuño de 2024. A Concellaría de Servizos urbanos básicos que dirixe Xaquín Moreda continúa adiante coa Campaña de mellora urbana e ambiental nos barrios que iniciou a primeiros de ano polo barrio de Estribela, e que agora está no parque de Fonte Santa, no barrio de Mollavao onde se están a realizar diversos labores de acondicionamento e aseo, aproveitando a primavera e o amortecemento das chuvias.
Neste mandato, o Concello vén desenvolvendo unha gran campaña de mellora urbana e ambiental en varios barrios da cidade. Esta liña de traballo pretende a supervisión integral dos espazos públicos actuando en todos os seus aspectos: pavimentos, zonas verdes, parques infantís... até ir peiteando toda a cidade.
Fanse, polo tanto, limpezas xerais, reparacións, substitucións e limpeza de bancos, pavimentos, papeleiras, escavas, podas de árbores, mellora das contornas do espazos infantís...
Fonte Santa
Ao respecto do parque de Fonte Santa formado por unha zona verde de descanso e de esparexemento, un carril de servizo e por un parque infantil, atopábase coa herba moi alta que impedía o seu uso, co mobiliario público sucio polas chuvias do inverno e algúns elementos en mal estado. Tamén o parque infantil estaba desatendido.
Polo de agora, os traballos consistiron na roza de toda a parcela, mellora da xardinería, limpeza de bancos, poda de árbores, supervisión do alumeado e das varandas de peche do parque. Tamén se limpou e acondicionou o lavadoiro situado na parte baixa do parque, un dos seus principais atractivos polo bo estado de conservación.
A última mellora foi o acondicionamento do parque infantil. A súa supervisión estaba incluída na diagnose encargada polo concelleiro Xaquín Moreda para coñecer o estado de conservación das áreas infantís do concello. Entre os 40 urbanos inicialmente a estudo, estaba o de Fonte Santa que foi dos primeiros en reparar. A Concellaría fixo unha limpeza xeral, desinfección e achega de area, retirada de vexetación, reparación e pintado do valado do perímetro e reparación de todos os xogos, poñendo especial atención aos elementos de seguridade.
A mellora do parque de Fonte Santa continúa. Nestes momentos está pendente da instalación dunha nova varanda no perímetro do río e actuar na vía de servizo á zona para reparar un afundimento na calzada e mellorar a recollida de augas procedentes da ponte da autoestrada cara o lavadoiro, que mellorará substancialmente o aspecto da zona e o seu goce.
Estacionamento baixo a ponte da autoestrada
Esta campaña súmase á orde que o concelleiro Xaquín Moreda deu de reparar o estacionamento baixo a ponte da autoestrada, no barrio de Mollavao. Comezada a finais de xaneiro e rematada cara finais de febreiro, naquela actuación da rúa Simón Bolívar acabáronse coas fochancas, canalizáronse as augas pluviais, construíronse sumidoiros, retiráronse entullos e ordenouse o espazo no primeiro estacionamento.
A plataforma baixo a autoestrada en Mollavao é un dos espazos máis empregados pola veciñanza e doentes do centro de especialidades médicas Casa do Mar.