CAMPIONATO INTERNACIONAL CIDADE DE PONTEVEDRA DE TAEKWONDO
Pontevedra, unha cidade para o deporte
Pontevedra, 3 de novembro de 2023. Pontevedra vive un non parar no deporte. Cando aínda está fresca a celebración do trofeo Cidade de Pontevedra de Bádminton, que acolleu ás mellores raquetas do país no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o Pavillón Municipal dos Deportes acollerá esta fin de semana o Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo no que participarán máis de 1.300 deportistas de 102 clubs procedentes de todo o mundo.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo transmitirlle os seus parabéns ao Club Mace Sport por seguir organizando esta cita e celebrar as súas «vodas de prata» na Boa Vila. «Estamos encantados de que este torneo sexa cada vez máis internacional», indicou o rexedor. «Ano tras ano, sempre agardamos por esta cita».
Serán instaladas até 13 pistas no Pavillón Municipal dos Deportes para dar conta da frenética e emocionante actividade que se vivirá nos vindeiros días. O campionato comezará o sábado a partir das 09.00 horas coas categorías júnior e infantil xunto á modalidade de técnica; para logo continuar desde as 16.00 horas coas probas absolutas, máster e precadete.
No caso do domingo, a actividade iniciarase ás 09.00 horas, disputaranse os combates de cadetes e tamén o resto de categorías de técnica, para entrar na recta final da xornada, a partir das 15.00 horas, co freestyle.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, explicou que a organización deste torneo é todo un reto para o club, «e sempre que sexa posíbel, o Concello estará aí para apoiar ao Mace Sport».