Pontevedra ultima os preparativos para a gala dos Premios Feroz apostando polo talento local e a sostibilidade

Recinto montaxe Feroz
Recinto montaxe Feroz
Pontevedra ultima os preparativos para a gala dos Premios Feroz apostando polo talento local e a sostibilidade

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá as tarefas de montaxe da Gala dos Feroz, que terá lugar o vindeiro sábado 24 de xaneiro no recinto feiral da cidade. Durante a súa intervención, o rexedor amosou a súa satisfacción polo avance dos traballos e destacou que Pontevedra volve ser, un ano máis, a "capital do cinema”. 

Lores subliñou o impacto económico e a proxección que este evento supón para a cidade, agradecendo especialmente que a organización conte con empresas de Pontevedra para a montaxe. "Estou encantado de que se teñan en conta as empresas locais, o que significa un importante investimento de cartos e proxección para Pontevedra", sinalou o alcalde antes de ceder a palabra aos responsables técnicos. 

Pola súa banda, Fernando de Luis-Oruet, representante da organización, detallou que na montaxe traballan actualmente unhas 20 empresas galegas, moitas delas de Pontevedra. A produción xera 40 contratacións directas e arredor de 350 empregos indirectos na cidade e os seus arredores, unha cifra que se prevé que aumente cara ao día da gala. 

A integración co tecido social e educativo de Pontevedra é un dos piares desta edición: 

  • Universidade de Vigo: Cinco estudantes do campus de Pontevedra realizan prácticas reguladas e outros 80 colaboran en áreas de comunicación e relacións públicas. 
  • IES Carlos Oroza: Entre cinco e sete persoas deste centro traballan tamén no evento. 
  • IES A Xunqueira I: O seu coro participará activamente na gala. 
  • Sector servizos: Colaboran catro persoas da escola de interpretación Aula e 18 profesionais da Asociación de Peluquería da cidade

Ademais, como novidade deste ano, o Concello propuxo que a cidadanía tivese unha participación directa, polo que haberá 20 veciños e veciñas elixidos por sorteo. 

César Rodríguez, escenógrafo da gala, revelou que o deseño deste ano busca sorprender cunha proposta "moi inmersiva" para que todo o público sinta a proximidade do escenario. Entre os datos técnicos máis espectaculares destacan: 

  • Un escenario de 250 metros cadrados. 
  • 400 metros cadrados de pantallas, superando a cifra do ano pasado. 
  • Máis de 500 metros de estruturas para iluminación e son, con 290 equipos de luz e 400 metros de tiras LED.

Rodríguez tamén fixo fincapé no compromiso coa sostibilidade, explicando que se readaptaron elementos do ano anterior para minimizar os residuos, mantendo sempre a innovación e o "efecto sorpresa". A gala, que seguirá unha estrutura operativa similar á de edicións previas con zona de photocall, entrevistas e cóctel, poderá seguirse en directo a través de YouTube.

Pontevedra ultima os preparativos para a gala dos Premios Feroz apostando polo talento local e a sostibilidade