Pontevedra traballa na renovación e mellora da seguridade peonil nas beirarrúas da Avenida de Compostela e Domingo Fontán
Pontevedra, 1 de xuño de 2026. A Concellaría de Servizos urbanos básicos, dirixida por Xaquín Moreda, comezou nestes días os traballos de reparación e mellora das beirarrúas da avenida de Compostela e da rúa Domingo Fontán. Estas actuacións teñen como obxectivo principal solucionar as deficiencias detectadas no pavimento e garantir a seguridade dos peóns.
Na avenida de Compostela, o Concello está a reparar toda a beirarrúa, que se atopaba en moi mal estado, levantada e insegura debido á invasión da maleza. Actualmente, os labores céntranse no treito que está pegado ao campus universitario. A decisión técnica adoptada para esta zona consistiu na retirada de dúas filas de lousas, xa que o firme orixinal non presentaba boas condicións. Deste xeito, mantense un servizo óptimo para os viandantes, xa que a beirarrúa conta con amplitude máis que suficiente para o tránsito peonil.
Esta intervención lévase a cabo despois de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible transferise a vía ao Concello, que agora é o responsable do seu mantemento e da súa zona urbana. Aínda que se trata dunha área de menor tránsito, o Concello asumiu a necesidade da súa reparación inmediata.
De xeito paralelo, o departamento de mantemento urbano tamén está a executar traballos de reparación na rúa Domingo Fontán. Nesta zona procedeuse a arranxar as lousas da beirarrúa que foran levantadas como consecuencia do intenso inverno de chuvias.
Xaquín Moreda, puxo en valor a repercusión destas intervencións para a cidadanía: "aínda que non sexan obras de gran relevancia social, é certo que melloran substancialmente a vida diaria da veciñanza, a calidade de vida dos barrios e a imaxe da cidade en xeral”. Estes traballos forman parte da folla de ruta do habitual mantemento urbano que a concellaría está a despregar por toda a cidade.