Pontevedra e o seu modelo urbano espertan un notábel interese no congreso H22 City Expo celebrado na cidade sueca de Helsingborg
Pontevedra, 16 de xuño de 2022. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, xunto co edil Alberto Oubiña, participaron hoxe no congreso H22 City Expo, no relatorio ‘A creación de lugares como un esforzo de toda a cidade: como os municipios poden crear lugares exitosos e fortalecer comunidades’. Trátase dunha cita promovida pola agrupación Placemaking Europe na cidade de Helsingborg, en Suecia.
Alí, ambos os dous representantes da cidade escoitaron e compartiron diferentes experiencias internacionais de proxectos que teñen que ver coa reinterpretación do espazo público, con casos concretos como Nova Iorque, Budapest ou Helsinki.
A intervención pontevedresa espertou o interese dos presentes, ao dedicarlle a maioría das preguntas realizadas no tramo final ao proxecto de transformación da Boa Vila. «É moi gratificante vir até este lugar contar o proceso de transformación urbana realizado en Pontevedra e ver como esperta un evidente interese en persoas chegadas de todo o mundo. É unha responsabilidade que permite poñer Pontevedra no mapa». Durante a súa exposición compartiron espazo con representantes políticos das cidades de Helsingborg e A Haia.
«Este tipo de encontros nos que se comparte coñecemento dun xeito participativo e conxunto permiten coñecer os retos que están por vir e enriquecen o traballo de todas as persoas que traballan no deseño das cidades coa idea de facer fronte aos desafíos futuros», explicou Gulías.