Pontevedra será o escenario da final da competición de freestyle en galego, CeibaRimas
As mellores voces do rap improvisado en galego daranse cita o sábado 12 de outubro entre as 17 h e as 23 h na praza da Pedreira, que será o escenario da final da cuarta edición da Liga CeibaRimas. Esta competición anual de freestyle en galego, que foi merecedora dun dos Premios Mil Primaveras 2023, é xa un referente no ámbito da música e da cultura urbana galega. Entre os seus obxectivos está o de normalizar e dinamizar o galego entre a mocidade a través dos espazos de improvisación oral.
A participación no evento do día 12 é de balde e está aberta a todas as persoas maiores de 12 anos que queiran participar e teñan dispoñibilidade para facelo, sen necesidade de experiencia previa noutros eventos. A inscrición farase a través do formulario (https://ceibarimas.gal/liga-2024), que estará activo ata 24 h antes do comezo do evento. Aínda así, existe a posibilidade de inscrición in situ, unha hora antes do comezo das competicións.
O certame desenvolverase en diferentes fases ao longo da tarde e nos entretempos contará coas actuacións de Flow do Toxo e Kid Mount, así como coa actuación de distintos talentos emerxentes neste eido artístico, como é o caso de Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola, que demostrarán as súas habilidades sobre o escenario. O evento estará conducido por Lil Moma e amenizado pola DJ Nu.Eva. Contará cun xurado de excepción, composto por recoñecidas figuras do mundo da música e a improvisación oral, como son Alba María, High Paw, MØU, C Mirazo e ST.
O CeibaRimas reafírmase como a única competición de freestyle en galego, e convértese nun evento imprescindible para todas as persoas que queiran vivir unha experiencia única de cultura urbana galega. Non faltará música, talento e moita improvisación.