ORGANIZA UN XANTAR DE RECOÑECEMENTO O 20 DE OUTUBRO
O BNG de Barro recoñece a traxectoria de Roberto Rivas e Amelia Cancela
O BNG realizará un xantar popular de recoñecemento ao gran traballo levado a cabo polos nosos compañeiros Roberto Rivas e Amelia Cancela, que o pasado mércores 25 de setembro poñían fin, por motivos persoais, a unha frutifera e dilatada traxectoria no ámbito institucional.
“Amelia e Roberto xa fan parte da nosa historia. O seu traballo, presente en cada curruncho, contribuíu a facer de Barro un concello mellor, máis dinámico e máis orgulloso de si mesmo. Por iso queriamos compartir con eles un xantar no que agradecerlles todo o seu compromiso, a súa entrega e a súa capacidade de traballo”, afirmou o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que se mostrou confiado en seguir contando “coa súa capacidade política, a súa experiencia e o seu bo facer”.
O xantar terá lugar o vindeiro domingo, 20 de outubro, ás 14 h. na nave da música de Barro, ao prezo de 32 euros, e podes anotarte contactando co BNG de Barro ou no local comarcal de Pontevedra.
Roberto Rivas deixou a corporación tras 21 anos ininterrumpidos, primeiro na oposición e logo no goberno, e Amalia Cancela tras nove anos no goberno municipal.