Pontevedra reivindica o patrimonio e a memoria da emigración de Cerponzóns coa estrea dun spot promocional e un documental

Patrimonio Cerponzóns
Patrimonio Cerponzóns
Pontevedra reivindica o patrimonio e a memoria da emigración de Cerponzóns coa estrea dun spot promocional e un documental

Pontevedra, 3 de febreiro de 2026. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, acompañada por Juan José Esperón, representante da Asociación de Veciños O Chedeiro, presentou dúas novas iniciativas audiovisuais que teñen como obxectivo promover o patrimonio material e inmaterial da parroquia de Cerponzóns. Trátase do spot promocional “Onde a historia segue viva” e do documental sobre a emigración “Unha maleta de cartón”. 

Ambos os dous proxectos xorden da colaboración entre o Concello e o tecido veciñal, unha sinerxia que Gulías quixo agradecer especialmente, salientando que este tipo de propostas "aportan moitísimo valor engadido" ao municipio. As pezas foron producidas pola produtora IMACO. 

A primeira das iniciativas é o anuncio promocional “Onde a historia segue viva”. Segundo explicou a edil, a peza busca poñer en valor o patrimonio da parroquia, a súa natureza e as súas historias, convidando á veciñanza do centro e doutros lugares a descubrir zonas do concello "menos coñecidas patrimonialmente". O vídeo estará dispoñible na páxina web de Visit Pontevedra e nas redes sociais municipais. 

Pola súa banda, Juan José Esperón detallou que o spot mostra monumentos, paisaxes e tamén o tecido empresarial local, como o turismo rural ou a hostalaría, co fin de darlle pulo económico á zona. O representante veciñal destacou que o vídeo serve de fío condutor cara ao segundo proxecto, xa que pecha coa imaxe dun neno cunha maleta, enlazando directamente coa temática do documental. 

A segunda peza presentada, o documental ‘Unha maleta de cartón’, proxectarase este venres día 6 ás 20:00 horas na sede da UNED,. O filme ten unha duración aproximada de algo máis de 40 minutos e recolle testemuños reais sobre a diáspora galega. 

Anabel Gulías describiu o documental como un "fiel reflexo" do que sufriu a parroquia pola emigración, lonxe de mitificala, mostrando as condicións da marcha e do retorno. A concelleira subliñou a actualidade desta temática, lembrando a importancia de non esquecer a nosa historia para "poñerse no lugar da xente que se achega aos nosos concellos en busca dunha oportunidade”. 

O proxecto naceu dunha iniciativa veciñal xestada hai seis anos a través dun grupo de contacto con descendentes de emigrantes da parroquia residentes en países como Brasil, Arxentina, Australia, Francia ou Uruguai. A fita recolle as respostas destas persoas sobre os seus recordos e sentimentos cara á súa terra de orixe. Ademais, a banda sonora conta co tema orixinal “Por eles”, composto polo cantautor e veciño da parroquia Enrique Alvite. 

Pontevedra reivindica o patrimonio e a memoria da emigración de Cerponzóns coa estrea dun spot promocional e un documental