LUÍS BARÁ E DEMETRIO GÓMEZ REÚNENSE COAS ANPAS

O BNG levará ao Parlamento galego as demandas dos centros educativos de Pontevedra

Reunión de Luís Bará e Demetrio Gómez coas ANPAS
Reunión de Luís Bará e Demetrio Gómez coas ANPAS
O BNG levará ao Parlamento galego as demandas dos centros educativos de Pontevedra

O deputado do BNG por Pontevedra Luís Bará e o concelleiro responsábel de ensino Demetrio Gómez mantiveron unha xuntanza con representantes das ANPAS de 6 centros escolares de Pontevedra para coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas, relacionadas tanto cos edificios e equipamentos escolares como con reivindicacións de carácter pedagóxico. As persoas participantes tamén trasladaron diferentes demandas dirixidas ao concello de Pontevedra, tanto referidas a obras de mantemento como á resolución de problemas nos accesos e na contorna dos centros. 

Como resultado desta xuntanza, o BNG comprometeuse a levar ao Parlamento unha batería de iniciativas nas que demandará á Xunta un plan de actuacións que permita resolver as carencias que presentan os centros escolares de Pontevedra. 

No caso da EEI Crespo Rivas, ademais do problema da calefacción que parece resolto despois de 100 días, a ANPA trasladou a demanda de mellora do tellado e da instalación eléctrica do edificio antigo así como a instalación dunha cuberta no acceso ao edificio novo. 

No CEIP A Xunqueira 1 comunicaron os graves problemas derivados do asolagamento do comedor, que obrigou a trasladalo a unha aula de maneira provisional, as filtracións de auga e os asolagamentos, e a imposibilidade de utilizar o patio e o ximnasio. 

A ANPA do Vidal Portela informou dos problemas derivados da situación do centro en terreos de dominio público marítimo terrestre e de deficiencias no salón de actos, patio, instalación eléctrica e nos accesos pola rúa Buenos Aires, neste caso de competencia municipal. 

No caso do CEIP A Carballeira sinalaron que teñen goteiras no ximnasio, baños e aulas, asolagamentos no acceso e que a escola precisa máis espazo xa que quedou pequena. 

NO CEP Campolongo informaron sobre filtracións de auga no ximnasio, da necesidade dunha cuberta entre o edificio e o ximnasio e da demanda dunha cuberta exterior nas pistas. Fixeron tamén referencia a que aínda existen tellados con amianto na zona de administración e dos problemas do edificio da antiga escola infantil que agora acolle o comedor escolar. 

Por último, a ANPA do IES Sánchez Cantón comunicou deficiencias na calefacción, filtracións no ximnasio, mal estado da escaleira de evacuación e tamén das escaleiras de baixada ao ximnasio. 

En xeral, tal como explicou o presidente da ANPA Rogelio Carballo, todos os centros teñen problemas de obsolescencia porque se trata de edificios antigos, que teñen nalgúns casos máis de 50 anos e que na súa maior parte non foron obxecto de obras de reforma e de remodelación integral, para adaptalos ás novas necesidades educativas e ás esixencias da normativa actual. 

Neste sentido, a demanda da FANPA é que a Xunta debe levar a cabo unha auditoría dos equipamentos educativos (do mesmo xeito que se esixe no caso dos edificios residenciais) e que leve a cabo un plan plurianual de actuacións que permita modernizar e adaptar ás necesidades actuais centros de ensino que teñen moitas e graves deficiencias de carácter estrutural. 

O BNG levará ao Parlamento galego as demandas dos centros educativos de Pontevedra