Pontevedra reforza a seguranza vial en Campolongo coa mellora da iluminación en 24 pasos de peóns
O Concello de Pontevedra vén de instalar un reforzo lumínico en 24 pasos de peóns no barrio de Campolongo. Son en total 48 sistemas de reforzo lumínico co sistema VIAK que contan con tecnoloxía optoelectrónica LED que axuda a eliminar as situacións de alto risco viario grazas á súa capacidade para dirixir o fluxo emitido cara a onde é realmente necesario, no plano vertical. A luz incide na totalidade do corpo do peón, tanto ao longo da zona de espera como no cebrado, permitindo aos condutores detectar o paso de peóns a grandes distancias.
Outra clave no recoñecemento anticipado dos viandantes polo tráfico rodado é o sensor de infravermellos. Conectado mediante unha rede de nodos Wireless, este dispositivo dá a orde de intensificar a luminancia vertical a ambos os dous lados da calzada ante a presenza de peóns.
O novo sistema centra a iluminación nos peóns e intensifica a luminancia ante a súa presenza, e dispón dun sistema de balizamento intermitente para chamar a atención aos vehículos.
Por outra banda, Traffic Pulse, o sistema de balizamento intermitente integrado na columna, facilita a percepción dos pasos en situacións de dobre fila. Este sistema de balizamento modifica o seu modo de funcionamento para chamar a atención dos vehículos cando o sensor detecta a presenza de peóns, imitando a frecuencia das luces das ambulancias e vehículos de emerxencia.