Caldas celebra do 12 ao 15 de abril a chegada da primavera cun gran festival de música
A Festa da Primavera de Caldas deste ano trae máis troula que nunca, ampliando un día máis de música ao incorporarse ao programa o venres 12 cun Gran Festival de DJs que contará coa participación dunha selección dos mellores DJ ́s do momento, como Anthony Godfather, Groove Amigos, Mr. J ou Carlos López. Unha aposta musical coa que o Concello de Caldas pretende reforzar a participación do público máis mozo nesta celebración.
A cita musical, que terá lugar na explanada da Tafona, celebrarase dende o venres 12 de abril co Festival de Djs, ata o domingo 14 con actuacións de varias orquestras, e pechará o luns 15 co Día do Neno e da Nena, con descontos nas barracas e atraccións para todas as crianzas.
Segundo explica o tenente de alcalde e responsable de Cultura e Festas, Manuel Fariña, o Concello incorporouse este ano á organización que en anos anteriores viña realizando a Asociación de ‘Amigos das Festas’ co fin de consolidar a cita musical como un referente no calendario de verbenas nun momento no que o fenómeno das orquestras move moitas visitas.
“Caldas estase a preparar para celebrar a primavera por todo o alto. Queremos entrar con bo pé e este evento contribúe a facer de Caldas a vila atractiva e dinámica que todas e todos desexamos. É un revulsivo económico para o sector hosteleiro e hoteleiro, xa que Caldas será un auténtico fervedoiro de xente nestas datas”, augurou o nacionalista, quen destacou que esta nova edición afianza o evento dentro da programación anual das festas.