O Concello recibe a concesión de Costas para construír o by-pass de Mollavao e ordena reactivar a actuación de Rosalía de Castro
Pontevedra, 13 de marzo de 2023. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera anunciou a concesión de Costas dos terreos de Mollavao para crear o by-pass e poder reurbanizar Rosalía de Castro até ese punto. O concelleiro indicou que dado que Costas tiña tomada a decisión contraria -non autorizar a concesión- “é un auténtico récord” xa que a solicitude se reactivou no mes de novembro. Enmarcou esta concesión nas xestións realizadas pola senadora e exconcelleira do BNG en Pontevedra, Carme da Silva, durante as negociacións de investidura para o Goberno do Estado.
Con esta autorización “por fin podemos botar a maquinaria a andar para estas dúas actuacións: o by-pass e reurbanización de Rosalía de Castro que pola sección que ten é imposíbel ampliar sen quitar un carril”, explicaba César Mosquera.
A concesión está outorgada por 15 anos cunha prórroga de 15 anos máis. Ademais, está condicionada a que se presente un proxecto de revexetación do resto da parcela que o Concello tratará de negociar para que non perda a súa condición de estacionamento, e a regularización da avenida de Marín, xa que foi un vial feito por Fomento nos anos 50 e cedido ao Concello que nunca foi regularizado ante Costas, a pesar de que está en espazo de dominio público marítimo-terrestre.
O seguinte paso será falar coa Deputación -autora do proxecto do by-pass- para acordar a actualización de prezos do proxecto, e iniciar a licitación por parte do Concello cos fondos provinciais, tal e como quedou establecido no convenio asinado coa Deputación anos atrás e, recentemente, actualizado.
César Mosquera deu orde ao director xeral de Infraestruturas de que os servizos técnicos municipais retomen este proxecto e o da reurbanización de Rosalía de Castro, de tal xeito que a obra do by-pass poida estar en obra a final de ano, e a reforma de Rosalía de Castro ao longo de 2025.
“Ao final saíu este proxecto que é moi bo para o barrio e para Pontevedra en conxunto”, indicou César Mosquera.