Pontevedra reforza a atención ao alzheimer con obradoiros de estimulación e prevención en 12 parroquias da man de AFAPO

Anabel Gulías e José Manuel Fontenla na presentación dos obradoiros de prevención do Alzheimer
Anabel Gulías e José Manuel Fontenla na presentación dos obradoiros de prevención do Alzheimer
Pontevedra reforza a atención ao alzheimer con obradoiros de estimulación e prevención en 12 parroquias da man de AFAPO

Pontevedra, 14 de maio de 2025. O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Benestar Social dirixida por Anabel Gulías, e a Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra (AFAPO), reforzan a súa colaboración para ofrecer obradoiros de estimulación cognitiva e non farmacolóxica. Este programa municipal, fundamental para frear a enfermidade e mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer, xa comezou o pasado 12 de maio e desenvolveranse até o mes de xuño, facendo un parón estival para logo ser retomado en setembro, outubro e novembro. 

Os obradoiros terán lugar en Campañó, Santo André de Xeve, O Burgo, Lourizán (con dous grupos), Mourente, Marcón, Verducido (con dous grupos), Salcedo, Santa María de Xeve e Cerponzóns. 

Gulías lembrou a importancia de que os servizos de benestar social sexan públicos e universais, subliñando que a única forma de abranguer todo o traballo necesario neste ámbito é “facelo da man das asociacións”. Agradeceu o traballo de AFAPO por tratar unha enfermidade que considera “terrible” e polo acompañamento esencial que realizan coas persoas diagnosticadas e as súas familias, proporcionando un lugar onde ir, conversar e socializar. 

Pola súa banda, José Manuel Fontenla, presidente de AFAPO, mostrou a súa satisfacción por poder repetir este proxecto e expresou o desexo de continualo no futuro. Fontenla destacou que o alzheimer é a segunda enfermidade que máis preocupa aos cidadáns. Na provincia de Pontevedra, estímase que hai entre 18.000 e 19.000 persoas afectadas. AFAPO leva anos reclamando á Xunta de Galiza un estudo epidemiolóxico para coñecer mellor a enfermidade á que se enfrontan. 

Os obradoiros que se levarán a cabo no rural pontevedrés ten como obxectivo “que a doenza non veña tan rápido”, aumentando a calidade de vida. O presidente do colectivo fixo fincapé en que a combinación de terapias farmacolóxicas e non farmacolóxicas é, segundo a Organización Mundial da Saúde, a única maneira de frear a enfermidade e mellorar a calidade de vida. A estimulación é crucial, xa que, de non habela, a enfermidade avanza “a pasos axigantados”. 

As persoas interesadas nestes obradoiros poderán solicitar máis información, así como formalizar a súa inscrición, no teléfono 986 84 21 41. 

AFAPO experimentou un crecemento significativo nos últimos anos, pasando de atender 35 persoas en Pontevedra antes de 2021 a entre 75 e 80 persoas na actualidade. Este incremento, en parte, atribúese á pandemia, que acelerou o deterioro en persoas que xa tiñan predisposición pero que se fixo evidente coa soidade e o confinamento.

Pontevedra reforza a atención ao alzheimer con obradoiros de estimulación e prevención en 12 parroquias da man de AFAPO