Pontevedra, referente en Viena para arquitectos internacionais participantes no concurso Europan 17
O Concello de Pontevedra foi uns dos referentes para arquitectos de todo o mundo que participan na 17 edición de Europan, un concurso internacional para deseñar proxectos urbanos para lugares de toda Europa. Europan organiza, previo a coñecer a decisión do xurado, un encontro dos autores dos máis de 230 proxectos seleccionados (dos 816 presentados) e o xurado, que contan con expertos para decantar a súa escolla. Este foro celebrouse esta semana en Viena, e Pontevedra foi escollida como plasmación real de loita dende os gobernos municipais contra o cambio climático.
O Goberno local estivo representado neste Foro de cidades e xurados de Europan 17 polo concelleiro de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, e o director xeral de Protección cidadá, Daniel Macenlle.
Europan é un concurso bienal para arquitectos menores de 40 anos de todo o mundo que ten por finalidade deseñar proxectos urbanos, paisaxísticos e arquitectónicos para lugares de toda Europa. Dende unha perspectiva de cambio social e económico nas cidades, o concurso ofrece a oportunidade de aprendizaxe intercultural.
A temática da 17 edición do Europan é “Cidades vivas. Reimaxinar aquitecturas coidando as contornas habitadas”. O obxectivo é explorar as capacidades rexenerativas dos medios vivos no medio de novas ecoloxías que tentan superar a oposición entre natureza e cultura, e o antropocentrismo en tempos marcados polas catástrofes naturais e unha emerxencia climática.
En Europan 17 participan 12 países e 51 emprazamentos. Presentáronse 816 proxectos e foron preseleccionados 237.
No marco da convocatoria do concurso Europan 17, celebrouse o Foro de cidades e xurados que a través de conferencias e grupos de traballo, reflexiona sobre o potencial dos proxectos preseleccionados polos xurados internacionais antes de que dean a coñecer os equipos gañadores do certame. Alí estiveron representantes dos 51 lugares e os 11 membros do xurado, que contaron con expertos do ámbito da arquitectura, paisaxe e deseño urbano.
Neste marco participou Pontevedra na primeira xornada, o venres 10, na que se debateu como se implementan na realidade os proxectos gañadores. En concreto, no obradoiro “Facendo fronte ao cambio climático” expúxose Pontevedra como exemplo real para facer fronte ao cambio climático.