O Concello de Pontevedra encarga os proxectos dos fondos europeos de turismo para intentar executalos antes de decembro de 2024
A mellora lumínica da Illa do Covo e da Xunqueira da Gándara, a conexión do parque forestal da Tomba coa Xunqueira da Gándara e a sinalización da vía verde ao seu paso pola cidade, son tres dos proxectos de obra incluídos nos fondos.
Pontevedra, 13 de novembro de 2023. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías deu contado estado de tramitación dos Fondos europeos Next Generation concedidos ao Concello de Pontevedra para o desenvolvemento do Plan de sostemento turístico en destino (PSTD) en setembro de 2021 que teñen unha contía de 2,4 millóns de euros. Anunciou que se comeza a tramitación para encargar a redacción dos proxectos técnicos coa intención de poder ter todo o expediente pagado e xustificado en decembro de 2024. Recoñeceu que o tempo xoga en contra e que os proxectos precisan de autorizacións doutras administracións (o que pode demorar a tramitación) pero “imos intentalo”.
A concelleira explicou que os fondos foron concedidos en setembro de 2021 e se entregou o anticipo de dous millóns no primeiro trimestre de 2023. Xa no mes de xullo, celébrase a segunda comisión de seguimento entre o Concello e a Xunta de Galiza (responsables da execución dos proxectos), na que se lle advirte ao Concello do problema temporal de xustificación destas partidas.
Logo de estudar todo o expediente administrativo e de dar as altas nas plataformas de xustificación dos fondos, a concellaría manten reunións técnicas para ver a situación dos fondos e tratar de reconducilos para intentar non perdelos.
Ao respecto dos fondos destinados a obra pública, arredor de 1,2 millóns de euros, mantense o proxecto de iluminación de espazos naturais na Illa do Covo e na Xunqueira da Gándara. Ao respecto da conexión dun parque forestal coa cidade, declínase a idea prevista do Pontillón do Castro por afectar a parcelas privadas, e canalízase cara a conexión do parque da Tomba coa Xunqueira da Gándara, especialmente tendo en conta os esforzos do Goberno local por recuperar este espazo. Neste caso deuse orde de evitar propiedades privadas, aínda que se é consciente de que hai que solicitar permisos a estradas do Estado.
O terceiro dos proxectos é a Vía verde do Salnés. “Un dos máis complicados”, segundo a concelleira xa que haberá que negociar con Adif e aproveitar camiños e corredoiras públicas para conectar a cidade co novo miradoiro do Lérez, sobre a vella ponte do ferrocarril.
A concelleira indicou que nestas semanas sairá a contratación a redacción dos tres proxectos técnicos para que estean redactados e licitados no menor prazo posible. Cada redacción do proxecto terá un custe de 18.000 euros.
A outra parte do Plan de sostemento turístico en destino é a relativa á creación de programas e actividades, que está financiada con 1,2 millóns de euros. A este respecto, a concellaría acordou a unificación de actuación para xestionar o menor número de contratos posibles e tomou a decisión de destinar estes fondos a: creación dun equipo técnico que se encargará da xestión de todo o fondo. Esta licitación será de 180.000 euros; licitar o observatorio turístico no que quedarán rexistrados todos os datos do sector. Estase na fase de redacción do prego; divulgar Pontevedra como destino turístico a través de accións de márketing, formación para o propio sector e actividades para a marca Pontevedra Capital Gastro que se reconducirán cara a promoción do Mercado de Abastos “tratando de dar un empuxón tanto a planta baixa como a primeira planta”.
Nos vindeiros días manterase unha terceira reunión da comisión de seguimento coa Xunta de Galiza, co propósito de que estea todo pagado e certificado a finais de 2024. Anabel Gulías asegurou que o traballo que queda por diante “é complexo, pero imos intentalo”.